Opinión

Santa María de Beade

Solovio adoitaba reiterar, coma se for un mantra budista máis, que O Ribeiro é unha terra máxica onde todo é posible. Malia que esta repetición, as máis das veces formulada a macha martelo, puidese semellar un exercicio teimudo de convencemento sobre unha subxectividade o certo é que, na súa opinión, non deixaba de ser unha verdade per se case absoluta; mágoa que moitas veces a súa veracidade se atope agochada tras o silencio opaco e xordo de moitos dos seus propios fillos, pensou mentres sentaba nun banco de pedra fronte á igrexa de Santa María de Beade. Como cada unha das visitas que facía a aquel lugar de culto sempre lle resultaban importantes, Solovio abriu un botello de Tostado Terra do Castelo que gardaba para ese tipo de ocasións. Agradáballe aquela elaboración por que se lle presentaba decote coma un viño doce de reguengo, igual que a historia secular do Ribeiro; unha xoia enolóxica de tonalidade fortemente dourada produto afortunado da conxunción entre o reinado maxestoso da treixadura, a nobreza varuda do carballo galego e o imperio da garda celosa e silandeira durante anos durmindo no leito poroso e lene dos pipotes de feitura fidalga. Considéraa unha bebida de ascendencia aristocrática con dereito de presentación tanto nas copas onde se verte como nas bocas que a degustan. A súa cor intensa e rexa seméllalle o ouro vello gastado polo tempo que sinala a tradición e a súa brillantez lémbralle o señorío que outorgan aos viños moitos séculos de labor vinícola nas adegas ribeirás.

De cando en vez Solovio precisaba acudir a Santa María de Beade, un deses puntos de desconexión do Ribeiro onde é quen de recargar plenamente a batería que alimenta de enerxía vital a súa humilde humanidade; un lugar de reencontros íntimos coas lembranzas derivadas de vivencias persoais intensas que, co transcorrer do tempo e as circunstancias, evolucionaron cara o estadio de agarimosamente eternas; un templo en pedra fundacional que simboliza no seu maxín o selo dun compromiso eterno coa causa irresoluta de Galiza, a súa historia e identidade propias. Unha historia en común nace cando empezan a xerarse lembranzas, afirmouse, e a miña coa terra nai principiou hai xa unha man chea de anos.

Namorouse daquel lugar unha mañá ribeirá espectacular cando puido admirar, dende outra óptica territorial, tanto a grandeza que a natureza doou a esta paisaxe entre viñedos coma o esplendor case sensual dun patrimonio cicelado polos galegos como expresión eterna do seu xenio creador. Santa María é unha mestura íntima do románico e o barroco, isto é dous dos grandes momentos da cultura galega segundo o mestre Pedrayo; neses intres históricos Galiza falou alto e claro con grafías de granito fundacional. Dende a arquivolta Florida ao solpor galego; dende a eclosión románica dunha forma de manifestarse ata o serán creativo do barroco. Sobre esta pedra descansará a túa Igrexa, díxolle o Noso Señor a Pedro; con estas pedras construíuse a expresión artística do noso ser como galegos, sentenciou Solovio. 

Aínda hoxe, entre a maxia e a dozura, Solovio goza dándolle un bico forte e sentido a aquela foto coa igrexa ao fondo que garda con moito agarimo coma se tentase disipar as néboas húmidas, ás veces tépedas aínda que case sempre frías e dubidosas, do Ribeiro; do mesmo xeito que naqueloutra xornada, mentres a bicaba con paixón no seu maxín, Solovio reafirmouse en que, como acontece coa tradición, nos asuntos humanos só se conserva aquilo que supera os tests do tempo.

Te puede interesar