Opinión

Entre o yin e o yang

Solovio adoita deixar que as vivencias repousen mainamente na súa cabeza antes de plasmalas nun folio. Constitúe unha estratexia persoal, deseñada ao estilo risquián, consistente nun afastamento vital co gallo de contemplalas dende o lonxe ata que, coma os bagos da treixadura durante o verán, acaden o grao óptimo de madureza no seu pensamento e estean preparadas para presentalas en toda a súa sazón. Este mecanismo permítelle obxectivar as experiencias vitais ás que se enfronta e tirarlle todo o zume en forma de leccións, metáforas ou simples fabulacións.

Cando un pensa que sabe moito de súpeto xorde quen te demostra que estás errado, pensou Solovio mentres enchía a copa de Ribeiro; é a lección de humildade necesaria para unha interpretación correcta da Apoloxía de Sócrates: só sei que non sei nada. Coñeceuna había cinco anos; sentada á aquela mesa achou unha muller de carácter, cunha gran forza innata e un ímpeto, por veces, desconcertante. Máis aló do amosado nas redes (a)sociais, non volvera saber moito dela ata os tempos convulsos do naufraxio colectivo.

Aquela tarde a muller achou o oco necesario para visitar a propiedade que atopara á venda na internet. Era un pazo de finais do século XVI que se atopaba case na ruína, coma se fose un fotograma gris dunha película da serie B. Porén algo no seu interior lle dicía que, por forza, aquel monumento aos tempos pasados tiña que converterse no seu fogar. Farta de vivir unha existencia convencional, esa lúgubre sinfonía en continuum interpretada para o goce dun formigueiro sempre obediente, apostou por afastarse dunha romaría cotiá de balbordo, neurose e artificialidade. Aquel lugar no Ribeiro era o acaído para vivir ao xeito que ela quería: vibrando libremente ao compás da natureza. Maxia, historia, diferenza e liberdade; un cuarteto que interpretaría a partitura da súa propia composición vital. Cansa de pagar prezos altos por ser ela mesma sentiu que necesitaba voar, gozar do agarimo do vento da liberdade bicando a súa faciana, e gardaba a esperanza de que, nalgún recuncho daquel templo en pedra alicerzado no tempo e a experiencia, atoparíase de novo consigo mesma.

Sería o seu dominio persoal, a súa atalaia de resistencia, e así, mentres a técnica erixía algo que lembrase o esplendor fidalgo que o edificio tivera noutrora, ela modelaba a gran obra da súa vida. Tiña unha viña orientada entre o norte e o sur para recoller o mellor da solaina e a nordesía, ambas as dúas antigas características fidalgas. Natureza, autosuficiencia, autarquía e independencia; catro claves dun vivir diferente que fuxe do normotipo e instálase nas orelas do marxinal, segundo os mandamentos da vulgar biblia do convencionalismo.

Solovio achegouse á porta do pazo e un recendo profundo a lavanda asolagou o seu olfacto de fumador empedernido. Gozou daquel intre no que, aínda no limiar da porta, os seus pulmóns enchéronse co osíxeno da historia fidalga de Galicia. Achou unha construción deseñada para a función recadadora do patriarca, outra forma fidalga de ser dona e señora da sociedade rural galega. Mentres percorría as estancias imaxinou, outra vez, un vivir fidalgo na época de esplendor dun territorio historicamente vitivinícola; unha potencia económica para toda Galicia aínda non recoñecida pola sociedade actual. No oeste da casa, sentados entre o yin e o yang, á calor dun serán estival, os dous amigos catan unha botella de Ribeiro mentres o solpor representa nunha soa peza unha nova batalla do diferente e auténtico contra o convencional e uniforme.

Te puede interesar