Opinión

Asepsia

Detido diante dun semáforo en vermello, o home viu como unha parella se abrazaba cunha mímica delicada, fráxil, como se estivera feita de porcelana, baixo a cal latexaba un afecto que facía as veces de acompañamento musical. Ía moito frío e os alentos dos mozos sobre as súas bocas debuxaban a forma poética e imprecisa das nubes, pero daquel xesto de tenrura íntima emanaba tanta calor que quentaba aos que agardaban a que o semáforo cambiara a verde. O home conmoveuse fronte á contemplación dos amantes, ata que de socato a sacudida deveu nun sismo. Ficou turbado, coa expresión da faciana ríxida, como se os músculos se negaran a respirar. Non lembraba terse abrazado a ninguén algunha vez. Nunca. Nin un intre. Tal vez porque era fillo dun cirurxián e unha enfermeira, a cultura da asepsia impregnara tódolos ámbitos e facetas da súa vida. Era agora, diante daquel abrazo no que as partes encaixaban coa exactitude coa que a auga se adapta ás esquinas, cando vía por primeira vez a desertización total do seu perímetro. Como puido chegar a hoxe sen executar xamais os movementos simples que interveñen nun abrazo? A súa vida estaba chea de relacións, encontros, entrevistas, citas, mais carecía de vínculos. Agora advertía que o específico do seu contacto co mundo non era tanto a proximidade coa xente que o rodeaba, como a distancia. Internet, a cheminea, Bach, a poesía, os museos, o sexo despois das tres da madrugada, os narradores que afondan nas obsesión individuais, o cine de autor, o formato do sms, enchían a súa axenda, construíndo dese xeito un baleiro afectivo no que o verbo abrazar e o substantivo abrazo carecían de existencia.


Porque quen era o seu mellor amigo? Coñecía os gustos, as preocupacións, das persoas coas que máis contacto tiña? Cando falou de sentimentos no núcleo familiar? O soño da independencia, cuxo contorno cultivaba dende o día que descubriu que nese habitáculo estaba cómodo, transformouse en illamento. Irmáns, pais, compañeiros, avós, xefes, parellas, curmáns, socios... e ningún abrazo. O semáforo púxose verde e o home regresou a casa coas mans e a estrañeza nos petos. So.

Te puede interesar