Opinión

Inversión

O escritor    subliñou,    máis satisfeito que  nunca, que a  novela que hoxe  presentaba era, probablemente, a  peor de cantas escribira nos últimos  vinte anos. Mala, mala. Non quería  esaxerar e abarcar un período máis  amplo. Falar de que este libro  posuía menos calidade que as súas  primeiras incursións na literatura,  trinta anos atrás, tal vez fora moito  dicir. Non era por presumir, pero  na actualidade facía literatura de  terceira fila, nauseabunda, como  probablemente nunca antes. Na  última obra renunciara ao recurso  de calquera fórmula ambiciosa. A  historia carecía de forza dramática  e tendía ao aburrimento; non se  propiciaban segundas lecturas; as  personaxes eran de todo menos  consistentes; a linguaxe adoecía de  tensión narrativa e o estilo brillaba  sen voz propia. Un desastre total.  Daba verdadeiro noxo.  Só agardaba que a crítica zarandeara a novela como un boneco  que, nun deses golpes desproporcionados, perde a cabeza. Certo  que a crítica deste país, dixo durante a presentación, era imprevisible  e o suficientemente heteroxénea  como para que nalgunha recensión  alguén se atrevera a verter un  eloxio. Nunca é posible contentar  a todo o mundo ao mesmo tempo.  Iso teno asumido despois de tres  décadas dedicado á escritura.  Tamén por experiencia sabe que  no eido da crítica existen simpatías  gratuítas que deveñen en aplausos  enaltecidos.  A novela, segundo o autor, está  chamada a pasar sen pena nin gloria polas librerías. Non empregou  vinte días na súa escritura para agora significarse, e aínda por riba,  para ben. Nada o faría máis feliz  que quedar absorbido polo caudal  de publicacións que enchen o mercado. O editor, a quen agradece  o apoio prestado a un proxecto sen  pés nin cabeza, tamén estaría  encantado de pasar inadvertido.  Así sería máis fácil entrar en números vermellos. En canto ao público,  o escritor confesa que non ten ningunha fe no criterio dos lectores,  pero se hai que expresar un  desexo, gustaríalle que abandonaran a lectura na segunda páxina.  E de non poder ser, na terceira.  Sería a mellor sinal de que o libro  non só non gusta senón que se  confirmaría que, en efecto, estamos ante unha das peores novelas  do ano. 

    

Te puede interesar