Opinión

Somnolencia

Pechácheslle ás pitas, pregunta Abelardo mentres apunta co mando a distancia cara o televisor e cambia apaticamente de canle. Pechei, responde administrativamente a súa muller, Matilde, que deixa caer o seu corpo monumental e canso sobre o sofá, e tapa as pernas coas faldras da mesiña redonda, debaixo da cal quenta un braseiro de leña. Cada noite de inverno repítese este guión. Ás oito da tarde, despois de cear, a muller sae a pechar a porta do galiñeiro, e cando regresa a casa o home pregunta invariablemente se as pitas quedaran ben pechadas. Baixo a voz hipnótica que guía o informativo, Matilde e Abelardo fican absortos. Absortos e quentes.


Non é máis que cuestión de minutos que a parella de anciáns, na comodidade do sofá e ao calor do braseiro, comecen a experimentar certa somnolencia. Durmir diante da televisión forma parte da rutina que tanto el como ela acometen sen variacións cada día da semana, sen diferenciar entre martes, xoves, sábados ou domingos. A vida na aldea, e concretamente na casa de Matilde e Abelardo, fai tempo que só posúe un molde. Tódolos días son iguais. Distintos pero análogos.


Hoxe, para variar, Abelardo ten un soño, no transcurso do informativo, no que vai vestido con pantalóns de tergal, suxeitos pola cintura cunha cartucheira, da que penden dúas pistolas. Sostén un cigarro na boca que se consume lentamente, e semella agardar a que a persoa coa que se vai bater a morte apareza no horizonte. Polo visto, a cidade é demasiado grande para dous forasteiros. Matilde tamén soña. Nunca soña, pero hoxe fai unha excepción. Lonxe de trasladarse a un escenario ’western’, coma o seu home, a muller regresa ao galiñeiro, a onde acude con bata de casa, zapatillas e unha lanterna. Faltan as pitas. Á preocupación natural que a embarga no primeiro intre sucédea certo aletargo. De socato non experimenta emoción algunha. Só hai silencio e escuridade. O matrimonio queda apresado no baleiro do soño, que dá paso, cando á mañá seguinte o forense asina o informe, ao que se entende por morte, producida en ambos casos pola inhalación de monóxido de carbono.



Te puede interesar