Opinión

Traballo sen soldo

O avance dos tempos vai impoñendo cambios en costumes e modos de vida dos cidadáns que acaban por converternos no que non somos nin nunca fomos. Unha destas transformacións, amparada polas novas tecnoloxías e disfrazada de modernidade, é a dos establecementos que utilizan como man de obra ós propios consumidores que pagan por mercar un produto que deben servirse eles mesmos, sin que eso signifique necesariamente unha rebaixa no custe da mercaduría ou prestación correspondente.

Botemos a vista, por exemplo, ás estacións de servizo de carburante de automoción, tan familiares para a cidadanía, aínda que hai outros sectores con métodos similares de funcionamento. Cada vez son máis as que carecen de empregados que se encarguen da operación de repostaxe, traspasando esa responsabilidade directamente o automovilista -ou un acompañante solícito-, que mangueira en man, surta o combustible no depósito para poder seguir circulando sobre rodas. Unha vez finalizada a operación, debe pasar irremisiblemente pola caixa correspondente, ubicada nunha tenda, supermercado ou establecemento hosteleiro, onde ten que abonar o carburante repostado sin compensación algunha.

Cabe deducir que esa audaz estratexia empresarial aporta pingües beneficios á conta de resultados das empresas que utilizan ós clientes como empregados a tempo parcial sin soldo, práctica á que hai que sumar as tarifas aplicadas, que adoitan situarse na banda dos prezos máis altos. 

Fronte a esta aparente arbitrariedade van gañando terreo as estacións denominadas de baixo custe que co mesmo traballo para o usuario ofertan un prezo entre 15 e 20 céntimos de euro máis barato por litro. Traducido a cartos, esto significa que nunha carga de 40 litros poden xogarse seis ou oito euros de diferencia en cada depósito. Nun coche medio, ese aforro permitiría recorrer unha distancia superior ós 100 kilómetros; ou o que é o mesmo: ir gratis de Ourense a Vigo ou a Santiago.

É un pequeno resquicio para aliviar o peso da carga do prezo dos carburantes no peto dos consumidores, pero absolutamente insuficiente para facer cambiar de criterio ás tres ou catro distribuidoras máis importantes, que en tantas ocasións en vez de competidoras parecen aliadas e que periódicamente nos levan a sentirnos fugaces empregados seus non remunerados.

Te puede interesar