Opinión

Bribón é galbán

Bribón, como o nome do barco, es ti, camándula que non tiveches cabeza e agora non tes alma nin tes pés, non tes corazón de home bo e non tes quen te queira. É unha enorme inxustiza iso que che está pasando, pero ti ben sabías, ou deberías saber, como e quen eran os teus. Deberías saber quen eras ti e os teus pasados, que pensamento tiñan, que valores defendían e que principios asumían. 

Traducido ao galego, o significado de “bribón”, seguindo os ditamines da real Academia, ese ente que vixía e observa con atención os andares da lingua española, significa pícaro, preguiceiro ou dado á preguiza picaresca, un canalla camándula que anda na risa, na festa desatinada e que, se fai falta, vai tranquilamente á misa da tarde ou da mañá, confésase e soporta o cartel ou cartela promocional que lle impoñan, aínda que sexa exclusivamente para a ocasión. 

A eles pásalles como a nós. Son de carne e óso igual que nós, aínda que teñan moita máis suavidade nas súas más afinadas e na súa lingua educada. Aqueles que teñen afiadas as mans e a lingua, como se fosen agullas de calcetar ou de zurcir as medias. 

A lingua é o falar do pobo, dos homes e das mulleres que integran este e eses outros pobos de xentes humildes e de campións en bonhomía. Agrándase a lingua falando, conversando, respondendo e escoitando, igual que se agranda o corazón suando e amando. O ridículo e o irrisorio tamén se agrandan, de camiño que se aumenta a tristura, a burla e a chacota.

Eles sábeno, pero non o remedian, inverten os conceptos e seguen con ludibrio mofándose da dignidade da xentes que andan da casa ao traballo e do traballo á casa, se a caso, cunha parada na biblioteca municipal ou na taberna do taberneiro do barrio. Na de sempre, onde se apaga a televisión inmediatamente despois de empezar o primeiro programa.

O señor, alá el e a familia, se vén que veña e se quere quedar que se quede, pero, por favor, que ouse, que non se atreva a predicar co exemplo. Todos saben (sabemos) que as súas prédicas, igual que as súa ordes, serán inútiles. “Que se cale ese discreto”, dicía Amador, o da gaita pendurada e a letra das cancións trabucada, aquel que non escoitaba o “parte” para non ocuparse e non pensar no que podía pasar. Galbán! 

Te puede interesar