Opinión

Viven para o Camiño

Volvemos ao Camiño para seguir andando cara ao futuro. Estamos na Galicia de sempre enterrada entre mar e a terra, entre o val e a serra, entre ríos e paredes de pedra. Na Galicia das estrelas que nos miran e que nos alumean, na do sol que nos quenta e na das nevaradas que se retiran e que se esquecen. Temos mar para camiñar por el, temos Portugal ao lado e as terras de Sanabria, O Bierzo e Asturias cosidas a nós, como anacos da mesma peza, con fío xacobeo.

Máis de duascentas persoas achegaranse a Galicia para falar, conferenciar e debater sobre aspectos distintos do Camiño de Santiago, aquí e fóra, no Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, en Ourense, na ourela do Miño, na terra das augas quentes, a cen quilómetros de Santiago de Compostela. Veñen de doce países distintos e co mesmo fervor. Na memoria colectiva está presente aquel amigo, o cura do Cebreiro, Elías Valiña Sampedro.

Da organización encárgase a Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata Ourense, que preside J. L. Rodríguez Cid e da que é secretario J. A. Quintas, outro entusiasta peregrino e, nesta ocasión, presidente do comité organizador do Congreso. Os seus esforzos únense ao dos conferenciantes e relatores que participan nas distintas xornadas científicas e de divulgación dos valores do Camiño de Santiago. 

Galicia, efectivamente, é un espazo de interese xacobeo, con rutas atravesando as catro provincias e rematando o seu recorrido en Santiago de Compostela, na procura de que ninguén quede atrás e aproveitando a sensibilidade e a espiritualidade xacobeas para o desenvolvemento social e cultural do noso país e daqueles países, cidades e lugares por onde vén o Camiño de Santiago, por terra, por mar ou polo aire. 

As asociacións de Amigos, irmandadas e federadas ou por solitario, son agrupacións de voluntariado que achegan a palabra e os feitos á alma dos peregrinos e das sociedades de onde veñen e polas que andan. Parabéns para todos aqueles que participan no Congreso, por deixarnos algo da súa ciencia e do seu saber. 

A Tía Manuela quere honrar tamén, xunto con don Elías Valiña, a un dos peregrinos peregrino, Alejandro Uli Ballaz, aquel que dividía á multitude xacobea en dous grupos: Os que “viven para o Camiño” e os que “viven do Camiño”. Vostede que pensa?

Te puede interesar