Opinión

Coidado cos salvapatrias

Cando as cousas van moi mal nun país, e falla a racionalidade na análise política, sempre aparecen os charlatáns que prometen solucións milagreiras e convencen a moitos cidadáns que logo lle dan o voto.

A historia do mundo está chea de exemplos. Cecais o primeiro foi Adolf Hitler, que chegou ó poder en Alemaña mediante os votos e conduciu ó pais a unha guerra da que todos coñecemos o resultado. Hai moitos exemplos máis que confirman o dito. Agora na Arxentina, seguindo a estela doutros países da zona, un home con moita labia, que di que o papa é pouco menos ca un tirano e que a mafia é mellor co Estado, tamén convence os cidadáns dese país, prometendo o ouro e o mouro e afiánzase para disputar a segunda volta da Presidencia. Ben sei que Arxentina ten unhas características especiais moi distintas ó que acontece na vella Europa, que a súa situación económica é moi mala e que a débeda asfixia a esa nación. Con todo, no mundo actual a crispación política remata coa racionalidade e lévanos a situacións extremas que ó final afectan a todos os habitantes do planeta. Ate penso nas debilidades da democracia, pois non poucas veces un charlatán convence á xente e logo desfacerse del resulta moi complicado.

Vivimos tempos de crispación, onde os dogmatismos de base relixiosa aliados co radicalismo político rematan traendo traxedias como é o caso do pobo palestino. Isaac Rabin, no ano 1993, asinou os acordos de Oslo con Arafat para crear dous Estados e convivir. Mais un fanático relixioso israelí matouno no 1995. E aquel acordo quedou morto. Onte vin unha frase nas redes sociais que tamén escoitei nalgunha igrexa que dicia: O pobo de Israel é o pobo elexido por Deus. Ben sei que non é nada máis que unha frase que algúns din que é bíblica. Pero o malo é que algúns, mellor bastantes, fanáticos integristas pensan que é unha verdade e loitan a día de hoxe por facela realidade. Igualmente acontece no bando dos que queren desfacer o réxime israelí amparándose en cuestións do seu profeta e coa axuda do Goberno teocrático que aforca os disidentes nas prazas, os ayatolás, que puxan para desfacer Israel e quitalo da faz da terra. E cando algúns deses extremistas teñen representación política e poder, e están nos gobernos, pois arrasan coas esperanzas e a paz nunca pode ser unha realidade. 

A violencia terrorista nunca leva a nada. Eu condeno todo terrorismo veña de onde veña. Pero a violencia tamén é ter a milleiros de persoas sen auga vivindo na miseria e da caridade do mundo, e ter a milleiros de persoas encadeadas sen acusación nin xuizo polo mero feito de seren palestinos. Todo isto é un despropósito bestial.

A desesperación e a fame, o abuso do poder e a usurpación da terra sempre crean no ser humano unha reacción de defensa. E como hai moita xente que non ve futuro, faille caso ós salvapatrias e ós radicais. E desas fontes emana o terrorismo. 

En Oriente Medio, berce de moitas civilizacións e de relixións, estase a librar unha guerra animada pola falla de diálogo e pola desesperación dun pobo acurralado, como noutro tempo histórico os americanos acurralaron ós indios para metelos en reservas, onde agora están. Hoxe, en moitas partes do mundo, merodean no poder os charlatáns salvapatrias como é o caso de Arxentina, onde un tal Milei que se define como “anarcocapitalista e liberal”, promete e promete solucións ós males que sufre ise país. E todo no medio dun populismo e unha ideoloxía contraditoria que a todas luces será un conto máis. En fin, cando a palabra e o diálogo no teñen espazo, o radicalismo e o fanatismo político e tamén relixioso danse a man, e logo pasa o que pasa. Trunfa a sinrazón e a barbarie. Teñamos moito coidado cos salvapatrias que neste país tamén teñen seguidores. 

Te puede interesar