Opinión

Cousas que pasan en Ourense

Mentres os partidos andan a facer o balance das eleccións do 24M e achegase o día no que se elixirá ó alcalde da cidade; mentres uns quitan peito dicindo que foron o partido que mellores resultados tivo na provincia para a súa formación e esquecen, intencionadamente, que sendo a provincia que máis votos porcentuais aporta para os populares a nivel galego é a última na cola en todos os indicadores que miden o benestar social, na nosa cidade acontecen outros asuntos que parecendo de menor importancia teñen o seu aquel. Resaltarei dous.

Pouco sei da casa que en Reza queren derrubar por orde da xustiza e que o alcalde saínte asinou con toda urxencia. Segundo parece, as consecuencias derívanse da caída do PXOM de Cabezas e outros asuntos que soan a vendeta e chantaxe. Quizais o asunto tamén se deriva por ser un dos propietarios un dirixente veciñal hai anos; unha persoa que defendeu ó público e que tivo moito que ver co tema de facer unha nova depuradora de augas residuais para o noso concello. O caso é que a Rosa e a Miguel quérenlle derrubar unha casa que é froito do esforzo e do traballo de toda unha vida. Unha casa integrada perfectamente na paisaxe; unha casa feita con moito sacrificio e na que se gardan moitas vivencias familiares. Por iso pregunto: cantos edificios tiñan orde de derrubo en Ourense cidade, e outros que tamén están sentenciados para seren demolidos, e cantos se derrubaron? Ningún. Non sei como rematará este asunto pero avecíñase un gran lío, pois somos moitos os que nos oporemos a tal desatino e cacidada.

A eficiencia dos técnicos deste organismo público volveu quedar de manifesto polo novo pintado da estrada OU-105, propiedade da Xunta, no tramo que vai dende o Eroski ate Seixalbo. Amparándose non sei en que norma e ignorando as protestas dos veciños, eliminaron os pasos de peóns nese tramo, co que os habitantes que van as súas casas, fincas ou a coller o autobús urbán teñen que cruzar a vía como poden, sendo ameazados pola Garda Civil de Tráfico con sancións por cruzar onde non se debe. Pero, o máis curioso do asunto está na comparación con outras vías que tamén son propiedade da mesma consellería, pois na zona do Polígono Industrial, preto do Parque Tecnolóxico, existen pasos de peóns onde hai catro carrís. E o interés por solucionar o problemas dos veciños é tan escaso que os técnicos fan caso omiso a máis de 200 firmas que estes días se presentaron na delegación territorial de Ourense. Supoño que o xefe territorial deste tema nin se entera, pois ou debe vivir nun despacho incomunicado cos seus mandados ou nada lle interesan os problemas dos peóns pedindo seguridade ou si se quere, soamente o pintado de dous pasos de peóns a altura da empresa Alfer e o outro na zona do tanatorio.

En fin, asuntos que requiren solucións. Pois derrubar unha casa e algo serio, e que unha delegación non entenda que os peóns precisan seguridade non é unha cousa pequena. E un indicativo que nesta sociedade algo funciona moi mal.

Te puede interesar