Opinión

Do patín artesano ó patinete moderno

“Quen descoñece o pasado,
quen ignora a súa historia
e non garda na memoria
nin sabe de onde ven;
anda no mare sen rumbo
quedando a mercé do vento,
dando tombos nun deserto
que non lle dá de beber...”

 

Camiñando cara Ourense, cumprindo unha rutina imposta, atopo na andaina unha persoa que sube a costa da Brea cara Seixalbo nun patinete destes que moitas veces andan pola estrada e tamén polas beirarrúas da nosa cidade. E nada máis velo véñenme a memoria imaxes da miña adolescencia cando os patíns e carros faciámolos os rapaces con moita maña e xeito para xogar soñando, pois tíñamos un aparello que, cun chisco de esforzo, permitíanos correr montados en dúas ou catro rodas pola estrada. Eran os tempos nos que para divertirnos andabamos, daquela, pola Nacional 525 sen temor ós poucos coches que pasaban. Eran os anos nos que os traballadores subían dando pedal cara o Cumial naquelas pesadas bicicletas Orbea que soamente tiñan un piñón e freos de varilla.

Xa sei, os tempos mudaron moito. Cando lles falo do pasado ós cativos, eles contéstanme con moita retranca: non nos contes historias avó. A rapazada e a xuventude vive o presente sen decatarse do porqué das cousas e dificilmente entenderá e valorará o presente se non sabe como se existía e como se chegou até ós nosos días. E faino coa soberbia de quen pensa que descubriu a pólvora e vai comer o mundo. Non se decatan de que todas as cousas da vida teñen un pasado, unha evolución e un porqué; todas teñen unha razón que ven dada polo servizo que prestan; todas teñen a súa historia, que xeralmente está vinculada ó traballo e o esforzo das xeracións anteriores. Claro que os tempos de hoxe son moi diferentes os da miña nenez e adolescencia; tempos nos que case todos os xoguetes, ós que tíñamos acceso, eran artesanais. E total soamente pasou unha xeración ou dúas no peor dos casos.

Mais isto que digo tamén acontece hoxe na vida cotián. Moitos gobernantes e persoas que exercen certo mando nos concellos e outras institucións públicas, acceden a postos de responsabilidade e en nada se preocupan por saber algo do pasado da institución que gobernan. Lanzan proclamas, anuncios e fan promesas que pensan que son novidades e resulta que o descoñecemento lévaos a facer o ridículo. Diso nesta cidade sabemos moito.

O exemplo do patinete eléctrico sírveme para lembrarlle, sobor de todo ós máis novos e tamén a moitos adultos que hoxe gobernan ou, se o prefiren, malgobernan, que na vida é moi importante saber de onde ven cada un; saber máis da historia do noso concello, etc. E eso faise non desprezando a nosa historia e mirándoa con ollos abertos para comprender moitas cousas que se fixeron coa mellor intención e que marcaron o devir da nosa vida colectiva. E se non se sabe, pois tentase saber. Pois o saber no ocupa espazo e obriga a pensar e ser máis prudente.

Non hai moito tempo, falando cunha persoa supostamente ilustrada sobor da política da cidade, díxenlle que Ourense fora nun tempo unha cidade marcada positivamente pola chamada Xeración Nós. Díxenlle tamén que fora unha cidade con cultura e con esperanza de ter un futuro mirando cara a vella Europa. Comenteille que os persoeiros que formaban aquela xeración eran uns europeístas convencidos nun tempo moi escuro, nun tempo endogámico, gris, no que soamente coñeciamos dúas cores: o branco e o negro. A miña sorpresa foi que o meu interlocutor, persoa que andaba na órbita dos que hoxe mandan no Concello, descoñecía o tema, pois vía ó galeguismo pouco menos como unha ideoloxía de pailáns e provincianos no sentido máis cutre da verba.

A conclusión que eu quitei foi tremenda. E pregunteime: pero esta é a xente intelectual que me fala de filósofos e que descoñece totalmente o que significou Nós para Galiza e máis en concreto para Ourense? Apañados imos, pensei. O froito vémolo de xeito moi palpábel na política municipal que todos soportamos.

En fin, seguín camiñando cara a cidade sabedor de que a rapaza do patinete descoñecía que, antes do eléctrico, os rapaces facíamos trastos deses con caixas de bolas que conseguíamos con moito favor a través dun amigo. E suliñei o que penso nos versos do comenzo.

Te puede interesar