Opinión

Esperando a volta á normalidade

OCOVID-19 irrumpiu nas nosas vidas sen avisar e deixounos case espidos e indefensos. A súa chegada esnaquizou todos os plans que tiñamos para este 2020 e veremos se a cousa queda neste ano ou vai pra moito máis adiante. E nós, inxenuos e un chisco cretinos, pensabamos que eramos, por pertencer á vella Europa, os mellores do mundo mundial, e dimos contra unha realidade que nos meteu o medo no corpo. Tíñamos unha das mellores sanidades do mundo, estabamos no grupo dos países mellor dotados e moitas cousas máis que non merece a pena mentar. Pero algo inesperado desbaratou todos os plans previstos e, como mínimo, obrigounos a aprazar moitas cousas para setembro, e xa veremos se pode ser nesas datas ou non. Con todo, se seguimos a fala popular, habería que dicir que os homes poñen e Deus, ou a natureza, dispón. Mais neste momento, que cada quen pense o que lle pareza, e que o faga segundo a súa forma de ver os aconteceres. Pero o certo é que todos camiñamos pola vida un tanto desnortados, pois sabemos que estamos nas máns da ciencia e tamén do bo uso que dela se faga. 

Mais, o que si é certo é que nunca noutra nos vimos. E, como en todas as partes do mundo, andamos uns e outros a dar paus de cego e sen ter claro como sairemos desta lea tan mortífera. Segundo todo indica nas estadísticas que manexa o Goberno, imos a comezar a desescalada e esta será asimétrica. Pero a desconfianza camiñará rente a nós e, por moito que tentemos normalizar a vida diaria, xa non volverá a ser como antes da chegada do virus.

As festas, actos culturais, eventos deportivos, actos relixiosos, enterros e un longo etcétera terán que ter axustes para a súa realización. E unha lea de actividades que quedaron pospostas veremos se se poden facer ou si terán que ser suspendidas indefinidamente. E no medio desta lea, buscando unha alternativa, a tecnoloxía abriu portas para paliar as carencias dalgunhas actividades como é o caso da música a través das redes sociais. Pero non é o mesmo o virtual que o directo. O calor que transmite o directo, a socialización e o contacto entre os humanos non o pode substituir a técnica proxectada nun plasma.

Igual acontece co pedalear na bici estática ou camiñar nunha cinta. Todo iso non é comparabel con andar entre as árbores e sentir o cheiro das flores escoitando os cantos dós paxariños. Tampouco é o mesmo sentarse nun banco na Alameda ou no Posío a falar cos amigos, que estar horas e horas diante o plasma tragando imaxes ás veces enlatadas e pouco edificantes. Os seres humanos somos fondamente sociais e precisamos a conversa, o exercicio, a interacción e iso a día de hoxe esta vetado. 

O COVID-19 obríganos a tomar medidas que poden modificar fondamente a nosa forma de estar e compartir. E iso marcará un antes e un despois desta pandemia. Polo que teremos que cambiar os nosos hábitos e costumes que practicamos dende sempre, e o reto non é pequeno. Esperemos que todos os actos aprazados se poidan realizar en futuras datas, e a normalidade volva ás nosas vidas, pois os desexos de recuperar o latexar económico, cultural e social é moi grande. Asi que, moito ánimo e adiante, que desta sairemos.

Te puede interesar