Opinión

Música ó natural

Varios temas referidos á música e a cultura que non encaixa co modelo estándar e de masas chamáronme a atención nestes días. Foron actos moi sinxelos que amosaron que, nesta nosa cidade e provincia, onde o mundo cultural non vive o seu mellor momento, hai xente que cultiva á música e que quere dar a coñecer o seu traballo nunha sociedade que vive o día a día dentro desa rutina que é semellante a unha néboa que o agocha todo e impide que haxa un espazo de tempo para o desfrute e valoración daquelas actividades distintas do que é o traballo cotián. 

O venres pasado, os alumnos do Conservatorio estaban na praza de San Martiño amosando as súas habilidades e o traballo feito durante o curso que está a piques de rematar. O calor era agobiante. Con todo, foi unha tarde fermosa pois ver tanta xuventude ilusionada querendo recibir o aplauso dos presentes e amosando, xunto cos seus profesores, o traballo que fixeron resulta alentador para ter un futuro musical en Ourense que supere e mellore o presente. As pezas interpretadas pola banda de alumnos trouxéronme á memoria feitos tristes, e lembráronme que hai dous anos, en Ourense, por mor dunha nefasta xestión política, perdemos a banda de música mellor que houbo na cidade das Burgas.

O día seguinte, sábado, na fundación Vicente Risco de Allariz, o grupo Trovare, de recente creación, daba un concerto poñendo a nota nos poetas ourensáns e galegos. Cantigas de lembranza e poemas de Curros Enríquez, Antón Tovar, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, e outros soaron na vella casa onde Risco deixou fonda pegada vital e cultural. E onde se pode contemplar unha fermosa exposición deste ilustre ourensán na que se recorda a súa famosa obra “O porco de pé”. 

Logo, o domingo, na fermosa igrexa do Santo Anxo, no Couto, presentouse diante os ourensás o coro de cámara Kantantibus. E fíxoo nun concerto que resultou moi emotivo, tanto polo recinto escollido para o evento, como polo programa que se executou. Doce voces mixtas que engaiolaron ó público presente con pezas de moita calidade e cunha interpretación moi coidada. O público que ateigaba o recinto puido desfrutar das harmonías de Javier Busto, Julio Domínguez, Ola Gjeilo, Manuel Oltra, etc. O resultado e o concerto foron realmente extraordinarios. 

Tres eventos que non se enmarcan na cultura de masas nin na estandarización actual do que se entende polo decibelio festivo. Tres eventos que nacen e saen á luz ó marxe de concellerías ou institucións que, a día de hoxe, soamente funcionan como axencias de contratación de espectáculos con pouca sensibilidade musical. Tres eventos que enlazan co Ourense que aspira ter voz propia no mundo da cultura sen ataduras nen intermediarios que o mediatizan e o frean todo. Noraboa para estudantes e profes do Conservatorio. E para os membros dos grupos Trovare e Kantantibus, grupo que nace con fortes inquedanzas; que o seu traballo siga tendo éxito e, sobor de todo, que perduren no tempo.

Te puede interesar