Opinión

Ninguén perde?

Se nos atemos ás declaracións dos diversos voceiros dos partidos políticos referidas ós resultados das europeas do 25 M, todos, dunha maneira ou doutra, aseguraban que as forzas políticas que representaban tiveran uns resultados bos. Todos, coa faciana descolocada, aseguraban iso. E áinda que a música, supoño, iría por dentro, sacaban peito e dicían que os resultados non foron malos. Queda claro que para algún grupo si foron moi bos. Mais o certo é que unha ollada ós datos pon de manifesto que as conclusións que se tiran dos resultados son un tanto desconcertantes. E sinalarei varios puntos que ao meu modo de ver abren interrogantes que o tempo, supoño, irá despexando.

O primeiro dato que me chama a atención é que a chamada Unión Europea non cualla, pois cunha participación que baixa bastante do 50% indica que o modelo non ilusiona á gran maioría dos cidadáns dos 28 estados e non pasa de ser unha ilusión política que se concreta no euro e poucas cousas máis.

O segundo está referido a disparidade ideolóxica sobre o que é Europa e cara onde quere camiñar. En países importantes gañan espazo os euroescépticos e a estrema dereita. Co que as alarmas están acendidas. Pois veremos agora que papel xogan ingleses e franceses sobre todo.

Xa achégandonos á península, percibimos un importante castigo para ás dúas grandes formacións políticas que conforman o bipartidismo. PP e PSOE perden un importante apoio de votos e o bipartidismo cede espazo diante un mapa político no que emerxe un grupo persoal liderado por un señor sen estructura partidaria, polo que veremos como evoluciona e como xestiona o poder que acadou nas urnas. Ademais do reseñado, en Catalunya ábrese un novo campo de xogo cos republicanos de Esquerra como primeira forza política.

No tocante a Galicia, o mapa político sofre importantes variacións. Se o PP e o PSOE ceden electorado continuamente, e racha o bipartidismo, Anova estáncase e o BNG retrocede continuamente. Ademais, como novidade, irrumpe Podemos, insólita formación que xa veremos como evoluciona e que fai no futuro, pois nada se sabe do que pensa o líder da mesma, con quen se aliará e que ideas aporta para solucionar os problemas desta terra. Persoalmente inclínome a pensar que o resultado obtido por Podemos pode ser froito dunha ilusión ou un cabreo momentáneo que carece de percorrido.

No tocante á representación galega nacionalista, poderíase dicir que nunca houbo tanta, pois se Anova coloca a unha eurodeputada, e o BNG terá que compartir con Bildu o escano, Compromiso por Galicia consolida as relacións con vascos, cataláns e canarios, co que sempre terá unha conexión con Bruxelas e cunhas forzas con moito peso no Estado. De conseguir afianzar o proxecto con bos resultados nas municipais do 2015 pode ter un futuro prometedor.

En fin, aínda que todos os voceiros dos partidos dixeron que nestas eleccións gañaran as súas formacións, o certo é que o mapa político, sobre todo no Estado, está moi lonxe de ser un mapa dominado exclusivamente polo bipartidismo, pois iste cede. Polo que sería moi necesario que os partidos tiren conclusións que fuxan do triunfalismo que ás veces, para capear o temporal, proclaman. Non todos gañaron. Nestas eleccións hai máis sombras que claros e moita incertidume sobre o futuro político desta Europa de comerciantes e intereses económicos e, se mo permiten, pouco solidaria, pois nos países centroeuropeos con mellor nivel de vida, avanza a xenofobia e a estrema dereita, o que non deixa de ser preocupante.

Te puede interesar