Opinión

Tempo de render contas

Coas municipais ás portas parece, que de novo estamos no tempo das promesas e non de render contas de como queda o Concello. A nosa democracia ten moitos vicios, pois cando hai que falar dunha cousa importante, como é a economía da institución, fálase soamente de promesas e agóchase, a posta, todo o que non se fixo e incluso as alianzas do futuro, non vaia ser que se perdan votos e o poder de seguir montados no machiño. 

Hai catro anos, nestas mesmas datas, Jácome prometía o ouro e o mouro. Prometía non pactar con quen pactou e unha ringleira de cousas que xa quedaron no esquecemento. Poñer a funcionar o Praza de Abastos da Ponte, arranxar a Número 1, eliminar os pelotazos do PXOM; falaba dunha torre en Maiñamansa; un parque fluvial e unha ringleira de promesas que non collerían neste comentario. E onde está todo eso? E como quedan as arcas municipais? Deso non se fala, non convén.

Despois destes catro anos e de aturar un circo chocalleiro nos plenos, volven as promesas. Estamos nun novo proceso e iste home sen escrúpulos nin ética fala e promete o que sabe que non vai a cumprir. O personaxe do Camarote dos irmáns Marx quédaselle corto todo o que acontece no Concello das Burgas. Quen atinaba a pensar que a terceira cidade de Galicia estaría gobernada con tres persoas case un mandato? Ninguén con dous dedos de fronte o pensaba. E agora quere darnos o pego facendo obras menores que escapan ó control dunha oposición que, salvando a teimeza dos membros do BNG, andivo catro anos a velas vir.

Estamos en tempo electoral, volverán as promesas dun alcalde sen prestixio; un rexedor que non é recibido nin considerado polas demais administracións para buscar e traer inversións para unha cidade que esmorece día a día.

E verdade que nas campañas hai que facer propostas. Mais quen está no poder, quen gobernou, primeiro ten que render contas do que fixo, falar dos incumprimentos e da situación económica na que queda a institución. 

Hai uns días, un informe interno do director xeral de Recursos Humanos en funcións alertaba de que os fondos pra pagarlle ó persoal estaban ó límite. No informe falaba de que nestes últimos anos contratouse moito persoal interino e que as contas non saen. Hoxe, falando cunha persoa de cultura, di que todo o presuposto gastouse en festas e que hai que detraer doutras partidas para seguir pagando máis festexos.

A democracia local, a pesares dos anos transcorridos, é moi pouco esixente cos que gobernan. Os procesos electorais, ate o momento, debido á pouca masa crítica dos cidadáns e do silencio de moitas entidades e colectivos, impiden saber como quedan as arcas municipais. E confórmanse con promesas que adozan e animan ós votantes a participar. Mais ó prometer facer grandes obras e ignorar todo o resto, ós cidadáns estamos entrando nun xogo de fantasías que nunca serán realidade. Logo veñen as frustracións e a suba de impostos, pois aparecen as facturas impagadas coas que non contaban e non hai presuposto para facer o prometido a bombo e platillo. E esa é unha debilidade que se repite nos procesos electorais, sobor de todo nas municipais. E iso é o que pode acontecer no Concello das Burgas, onde a opacidade e o dispendio co que actuou Jácome pasaralle factura á vindeira corporación. E xa veremos como queda o asunto. 

Te puede interesar