Opinión

1º de maio, lembranza e reivindicación

Este será o segundo ano no que o 1º de Maio estará condicionado pola pandemia do covid-19, polo que as centrais sindicais convocaran mobilizacións na Galiza con todas as precaucións sanitarias necesarias. Este día, ademais da lembranza histórica aos mártires de Chicago, hai reivindicacións urxentes, como consecuencia da crise do capitalismo. Un sistema que a pandemia deixou espido, evidenciando a fraxilidade do ser humano, a ruptura do equilibrio coa natureza, a desigualdade social e territorial, a precariedade, a militarización, e a utilización da mentira e especulación financeira.

Trátase dun momento delicado, de cambios, onde as limitacións do mundo e os avances científico técnicos poden ser valorados primando os intereses corporativos, imperiais, e individuais, ou facelo dende unha perspectiva de xustiza social, solidariedade, soberanía, democracia... Trátase dun intre no que noso país, Galiza, pode perder unha parte importante do seu sector industrial estratéxico, con despedimentos masivos, que se multiplican cos anunciados na actividade financeira, e os que se producen polo efecto da pandemia, ou utilizando esta como escusa.

Diante desta situación tan preocupante, na que nos xogamos tanto, o Governo central e a Xunta de Galiza deben impulsar solucións estratéxicas. Como van a contribuír neste aspecto os fondos de reconstrución da UE? Seguramente pensando nestes problemas tan graves, e na derrogación da reforma laboral, das pensións, e da Lei Mordaza,... é que a CIG propón pra o Día Internacional da Clase Traballadora a consigna de: “Unha saída galega e xusta fronte a crise”.

Agora ben, o Primeiro de Maio ademais é unha data de conmemoración das loitas e sacrificios do movemento obreiro, concretadas nos mártires de Chicago. En 1886 o presidente norteamericano Andrew Johnson promulgou a lei que fixaba as oito horas. Porén non entrou en vigor e a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio decidiron facer unha folga xeral a partires do 1º de maio. Uns 190.000 traballadores pararon, ademais 150.000 conseguían que a patronal aceptase a reivindicación e 50.000 acadaron este obxectivo antes de que rematase o mes.

En Chicago manifestáronse 80.000 persoas, e a patronal respondeu cun lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, levando á folga a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. O día 4 pola mañá a policía disolveu unha marcha de 3.000 folguistas. Polo serán fíxose unha concentración autorizada, e mesmo alcalde da cidade estaba presente pra vixiar o acto. Despois de que falasen varios oradores, pola ameaza de chuvia, unha parte dos presentes e o alcalde retiráronse. A policía chegou ao lugar con 180 efectivos, pra forzar que se marcharan os que aínda alí estaban. Alguén guindou unha bomba contra contras eles, causando un morto e algúns feridos. Axiña a policía abriu fogo contra os manifestantes, matando a varios e ferindo uns douscentos.

Dende todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, no que se violaron todas as normas procesais. O xurado foi designado a dedo. O 28 de agosto sóubose o veredicto de culpabilidade dos oito procesados. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer, mentres que Lingg apareceu morto na cela e os outros tres pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro executados, o que amosa cal era o sentir popular neste tema.

En xullo de 1889 o Primeiro Congreso da 2ª Internacional acordou celebrar o 1º de Maio como xornada de loita do proletariado de todo o mundo. Na Galiza as primeiras mobilizacións conmemorativas-reivindicativas realizáronse na Coruña entre 1890-1892.

Te puede interesar