Opinión

A actualidade de Gramsci

Antonio Gramsci naceu na Sardeña no ano 1891. Foi primeiro militante socialista, e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Sería deputado polo PCI (ano 1923), membro da dirección do partido, e dende 1926 secretario ao triunfar súas teses no congreso de Lyon. Detido no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión até poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea foi sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte das súas análises e reflexións foran realizadas nesta etapa da súa vida, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.

María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente” dinos que Gramsci valora que “a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por medios coercitivos, senón ademais coa súa visión do mundo, é dicir: unha filosofía, unha moral, costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases subalternas”.

Polo tanto Gramsci, cando analiza a realidade italiana, non só estuda a estrutura económica e política e a súa incidencia sobre a sociedade, senón que ademais valora como e quen transmite a ideoloxía dominante. Vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que existen eivas nas tarefas políticas desenvolvidas neste aspecto. Porén, que é a superestrutura? Gramsci considera como tal, ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, o que denomina a “sociedade civil”. Esta abrangue a escola, os medios de información, a Igrexa, etc, que desempeñan funcións na construción da hexemonía. 

Pra Gramsci o poder é exercido en cada momento por un Bloque Histórico que non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social concreta. O bloque histórico non é polo tanto só unha alianza de clases sociais, sen forma, xa que a hexemonía que asegura a súa cohesión corresponde a unha visión do mundo (superestrutura) que lle garante á clase dirixente capacidade pra atender os problemas “nacionais” e dar solucións concretas (infraestrutura). 

Dado a importancia do que Gramsci chama a “sociedade civil” na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida, non abonda con ter maioría política nas institucións, nen impulsar coa toma do poder un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía do bloque hexemónico electoralmente derrotado mantén unha forte base e incidencia na sociedade. Polo que ten capacidade pra mudar de novo a correlación de forzas, ao aproveitar as contradicións entre a nova situación económico e social é as ideas tradicionalmente dominantes. 

Pra tempos de crise como o actual, cun duro axuste do reparto do traballo e do poder entre clases e nacións, son de moito interese as reflexións que nos fai Gramsci respecto da infraestrutura e da superestrutura, e da hexemonía, cando aposta pola “guerra de posicións” fronte á “guerra de movemento”, utilizando o símil militar pra estratexia política. M.A. Macciocchi destaca as razóns polas que Gramsci se inclina por esta estratexia “de conquista lenta e progresiva das trincheiras inimigas”, xa que tiña o convencemento de que a sociedade civil (na Europa occidental) é unha estrutura moi complexa que resiste os estoupidos máis fortes das crises e recesións económicas, polo que a superestrutura é na sociedade civil o que son as trincheiras na guerra moderna. 

Te puede interesar