Opinión

Até onde chega o compromiso co país?

Que os presidentes de Galiza, Asturias e Castela-León presenten ao Governo central unha proposta co argumento de que “isto hai que facelo dende a unidade; a unión é a forza”; esixindo un investimento de 7.900 millóns pra o “corredor atlántico”, deixa en evidencia o grao de marxinación do país galego, máxime cando o acto fano governos autonómicos tanto do PP como do PSOE. E así o denuncian no documento que presentaron: “Hai un desequilibrio na execución dos investimentos, por iso reclamamos o mesmo trato que ten o (corredor) do Mediterráneo. Non mellor, o mesmo.” 

Que deran este paso sáelles gratis politicamente aos presidentes do PP no partido, máis ten un maior custe pra Adrían Barbón de Asturias que milita nas filas do PSOE. Daquela que asistise á reunión destas autonomías un representante do ministerio afectado, e que se aprobase por unanimidade unha proposta do PP na Cámara de deputados/as, seica tamén vaise tratar no Senado. Todos/as dacordo, mais: iso que implica en feitos concretos e nun cambio de actitude respecto do forte reaxuste que se está realizando a todos os niveis?

Porque motivos pra unha protesta hainos por máis razóns, como pode ser o trato nos orzamentos do Estado, o reparto dos fondos europeos Next Generation,... e son cuestións igual de importantes ou máis. E o relativo á tarifa eléctrica? Non semella xusto que Galiza pague igual que outras autonomías nas que existe unha gran distancia entre o centro de produción e consumo, que implica un maior custe tanto en infraestruturas como en caída de potencia. 

Vivimos nunha conxuntura histórica, en tempos de cambio. Tal como se amosa coa crise ecolóxica e de materias primas, a confrontación entre as potencias hexemónicas e emerxentes, o medre das desigualdades pola extrema concentración da riqueza e do poder. Estase reconfigurando o mapa político, mais tamén o económico, o laboral e social entre rexións do mundo e países. Tamén entre territorios da UE, e por suposto entre as nacionalidades e autonomías que integran o Estado español. Daquela que ao tema das infraestruturas pra que teña sentido, consistencia, hai que tratalo nun mesmo paquete que o investimento público en industrias dinamizadoras da economía, ou da enerxía elaborada (como a produción de hidroxeno verde e a conexión coa UE pra que teña un maior valor engadido que a produción eólica primaria). E, ante todo facérmonos a pregunta: inzar o país de parques eólicos ten sentido sen un completo proceso de transformación produtiva? 

En resumo, no ano 2022 houbo unha redución do -1,5% da actividade industrial da nación galega, o que amosa unha evolución nada positiva, especialmente tendo en conta que no conxunto do Estado español tivo un medre do 2,9% no último ano. Sen dúbida inciden nestes datos o peche definitivo ou transitorio de empresas produtoras de aluminio, aeroxeradores,... a caída de produción no sector do automóvel,... mais tamén que pra alén do auxe do sector eólico nos vindeiros anos, e media ducia de proxectos estrela, toda a iniciativa pra desenvolver a industria do país está en maus privadas, sen que por parte da Xunta de Galiza, pra alén das boas palabras, exista un plano de desenvolvemento propio que teña en consideración os escenarios político económicos que temos por diante, especialmente os máis negativos. 

Toda a iniciativa e o poder está en Madrid, e nalgunhas autonomías, como Cataluña e Euskadi, onde non casualmente governan forzas propias que lle disputan cada céntimo de subvencións e axudas, outorgándolle valor a estes autogovernos limitados do Estado das Autonomías. E dálles resultado, non en todos os aspectos, mais si pra condicionar o reparto da torta; comparemos o grao de desenvolvemento que acadaron. Non deberían tomar nota o PP e PSOE galegos? 

Te puede interesar