Opinión

Atentado de París, 
causa e efecto

O criminal atentado contra a revista Charlie Hebdo en París por dous terroristas, seica ligados con Al Qaeda, cun tráxico saldo de mortos e feridos, reflicte sen dúbida ate que punto, neste tempo histórico, as fronteiras perderon valor como muro de contención de conflitos que se desenvolven no exterior. Primeiro, porque as razóns que os orixinan teñen que ver co medre da desigualdade social, a dependencia, e a destrución de identidades colectivas, e polo tanto co imperialismo. Segundo, porque se dá unha participación directa das potencias occidentais nas zonas nas que se libran guerras fratricidas e sen ningún tipo de regras. Terceiro, porque nestes comportamentos psicópatas, algo terán que ver tamén, digo eu, a morea de películas e series nas que os crimes máis horríbeis se exhiben con todo tipo de detalles, por puro morbo e afán de lucro, facendo deles algo normalizado. 

Este acto terrorista, e calquera outro, sexa en Francia, en Siria ou en Nixeria, son accións de salvaxismo e covardía, xa que se ceban en persoas indefensas, e que na maioría dos casos non participan directamente do conflito. Todos eles deben ser condenados. Mais, non se evitará que se reproduzan só con medidas policiais preventivas. Cómpre que se eliminen as causas sociais que lle dan pulo, e rematar co apoio directo ou indirecto a este tipo de organizacións. E neste último aspecto, Washington e os seus aliados, tanto os europeos ou como as monarquías do Golfo, teñen non pouco protagonismo e responsabilidade. Porque adestraron e armaron este tipo de forzas. 

Estados Unidos e aliados así o fixeron en Afganistán, Libia e Siria, co argumento de que eran islamistas moderados; algo que o tempo desmentiu, por máis que o neguen. A finalidade era desgastar á Unión Soviética no primeiro caso, e mudar o contexto xeoestratéxico no norte de África e Oriente Medio, nos outros dous, utilizando pra isto todos os medios ¡todos! ¡calquera que fosen! Por certo, nos países nos que interviñeron, causáronse ducias de milleiros de mortos, millóns de desprazados, destruíuse a maioría das infraestruturas e do sistema produtivo, e por se non abondase, déuselle folgos ás forzas sectarias sementando o caos.

Agora ben, estes terroristas naceron en Francia, aínda que fosen de orixe alxeriana e estiveron nas zonas de guerra. Entón, que os leva a este tipo de comportamento? Por que milleiros de residentes na Unión Europea, descendentes de inmigrantes de países con maioría islámica, se incorporan ao EI ou Al Qaeda? Hai quen di que fracasou a integración. Posibelmente, mais isto non acontecía hai varias décadas, e son unha minoría os que adoptan actitudes violentas, aínda que a tendencia amosa un medre moi rápido. En calquera caso, como advirten algúns analistas (Robert Fisk, Tariq Ali), non se pode ignorar unha historia na que as potencias europeas oprimiron estes povos utilizando a violencia; e ademais, orixe e relixión foron un muro pra integración. 

Mesmo sendo certo o anterior, a actual expansión semella ter como motivos principais: o bombardeo, a ocupación e destrución de países musulmáns, que non seguen os ditados das potencias occidentais; a agudización da desigualdade social e da marxinación nos países capitalistas centrais; e a falta de partidos en Europa que se vexan como forzas dispostas a acadar a xustiza social, especialmente nun contexto no que a confrontación pola riqueza (e a competencia polo emprego) é estrema. En poucas palabras, o que sucedeu en Francia é outra expresión máis do capitalismo nesta etapa histórica. Polo que con máis militares e policía, pódese frear, mais non se eliminan as súas causas, e volverá a agromar. O sistema está esgotado, no económico-social, ecolóxico, cultural, democrático e político. Non admite reformas, hai que superalo.

Te puede interesar