Opinión

Os avances científicos deben estar ao servizo da humanidade

Non tivo que pasar moito tempo pra constatar que con Biden non se ían producir grandes cambios. O aumento das sancións contra Rusia e a continuidade das que se aplican a Venezuela e Iran, o bombardeo a Siria e a decisión de manter tropas indefinidamente neste país e Iraq, malia que estes pediron que se retirasen, deixan en evidencia que no esencial a política exterior será idéntica a da etapa de Trump. Algo previsíbel tendo en consideración os antecedentes da lexislatura de Obama, tanto no plano exterior como na expulsión de inmigrantes irregulares. 

A diferencia máis notoria co trumpismo estaría no retorno á alianza coa UE, o tratado a prol do clima de París, manter vixente o tratado START3, e nun discurso máis aberto en materia de xénero e diversidade sexual e racial. Alguén dirá que non é pouca cousa, mais dado os graves problemas de humanidade e o grao de confrontación entre potencias son cambios mínimos. Só tácticos coa finalidade de gañar aliados e folgos nas contradicións estratéxicas?... 

Ademais, non se debe esquecer que a pandemia do covid-19, polas súas dimensións, así como a desfeita climática, o crecemento demográfico, o medre da precariedade e desigualdade social, a especulación, as sancións e intervencións armadas, non só poden dar pulo á crise económica, senón levar a unha confrontación entre potencias nucleares sen marcha atrás. A esta altura o mundo non está pra pelexas de liderado, e moito menos cando se disfrazan de mesiánicas (como as de Estados Unidos, Brasil,...). 

A competencia polos mercados, pra optimizar o lucro, sumado ao aumento acotío da produción, obviando que esta dinámica está limitada pola escaseza de recursos, sempre rematará en confrontación. E como consecuencia nunha maior explotación e opresión naqueles territorios que se vexan obrigados a ter un papel subalterno no sistema. Porén, a diferencia de etapas anteriores do capitalismo, hoxe este crecemento da desigualdade, da precariedade, e polo tanto estreitamento dos sectores sociais favorecidos polo modelo, tamén se dá no interior das grandes potencias, por mor da globalización neoliberal. Tal como se manifesta nos Estados Unidos e na Unión Europea. Ademais, non se pode asegurar que esta contradición non se estenda a China, malia que seu modelo neste intre asegure un forte crecemento da economía, polo papel que xoga o estado e a situación de partida. Poderá manter por moito tempo unha ampla base de apoio? 

É moi difícil a volta ao pasado que pretende Biden, coa apoio da UE e outras nacións, ou a nova ruta da seda de China, mesmo recoñecendo que é menos agresiva, podan dar solución aos graves retos que hoxe ten a humanidade. Ante todo porque só coa enerxía verde e a dixitalización non se resolve a cuestión demográfica, a confrontación nuclear, e o aumento da desigualdade, que son consubstanciais con este sistema (capitalista), que ningunha das partes cuestiona, pra alén das especificidades, e países como Rusia e China no que o sector público aínda ten un peso. 

Ou sexa, cómpre eliminar ou reducir drasticamente as lousas que afogan á maioría dos povos e persoas, xeran situacións de confrontación e inestabilidade cada vez máis agudas, e cuestionan o futuro da humanidade. Necesitamos avanzar cara un novo sistema multipolar que respecte as soberanías nacionais, que dea protagonismo ás clases populares, que acade un equilibrio entre o colectivo e individual, que garanta o respecto pola diversidade humana, cultural, lingüística, racial, sexual... Un sistema que poña os grandes avances científico técnicos ao servizo das maiorías e de todos os países, reducindo a xornada laboral, garantindo a todos e todas o emprego e os servizos e prestacións públicas esenciais, así como un intercambio equitativo entre nacións.

Te puede interesar