Opinión

Brasil, de Imperio 
a República

Hai 125 anos, o 15 de novembro, un golpe militar incruento derrocaba o emperador do Brasil, Pedro II, e proclamaba a República. Fonseca, dirixente da revolta e heroe da guerra contra o Paraguai ou “da tripla alianza” (1865-70) asumía a presidencia provisional, aínda que se mantería no poder ate que a presión popular o fixo dimitir. A povoación brasileira era de 14 millóns no ano 1888, e a capital Rio de Janeiro tiña 522.651 habitantes en 1890. Os artigos que dominaban as exportacións na década dos setenta dese século eran o azucre e o algodón, mais no ano 1885 o café xa ocupaba o primeiro lugar. Isto implicou que “o centro económico brasileiro trasladouse do nordeste ao centro-sul do Brasil” así como o poder político (“Historia del Movimiento Obrero: Brasil, de la esclavitud al golpe militar”).

Cómpre lembrar que Brasil converteuse nun reino independente en setembro de 1822. Nesta aposta incidiu moito a decisión de Portugal de limitar o libre comercio co Brasil e privilexiar os produtos da metrópole. Era, como dixo un deputado brasileiro, o regreso ao “odioso exclusivo colonial” (“Historia de Portugal”, coordinador Rui Ramos). O príncipe Don Pedro sería rexente no Brasil despois de que a familia real voltase a Lisboa, unha vez expulsas de Portugal as tropas de ocupación napoleónicas. Este convencérase, como explicou ao seu pai, que Portugal era “um estado de quarta ordem” e que só Brasil podería sustentar a monarquía, polo que apoiou a secesión garantindo así a continuidade neste extenso territorio de América. O Brasil estaba povoado daquela por 2.800.000 habitantes libres e 1 millón de escravos. 

A evolución do Imperio na segunda metade do século XIX será “o momento de maior transformación económica da historia brasileira”. A navegación fluvial sumaría arredor de 50.000 quilómetros de liñas de tráfico regular, a rede telegráfica atinxiu os 11.000 quilómetros, unindo as capitais dos estados e cidades máis importantes do país. “O Imperio, cando en 1889 se extingue substituído pola República, terá cuberto unha ampla e importante etapa da evolución económica do país” (“Historia Económica do Brasil”, de Caio Prado Junior). 

Mais ao final do Imperio, as contradicións son moi fondas, entre elas a cuestión do traballo e da produtividade. A escravitude a esta altura é considerada pola burguesía como un atranco, polo que é abolida no ano 1888. Será substituída pola entrada masiva de emigrantes e polo traballo asalariado, coa finalidade de aumentar a rendibilidade, sen que se poña en perigo a gran propiedade rural como temían os terratenentes. Entre os emigrantes haberá moitos galegos/as que formaron as numerosas colonias de Rio de Janeiro, Santos, São Paulo, Bahia, Belém de Pará, etc., tal como se recolle nas páxinas da revista “Vida Gallega”. 

As tensións do momento resólvense no seo das clases dominantes coa proclamación da República. Deste xeito conseguiuse aumentar a produción e exportación de materias primas e produtos tropicais, e non se puña en perigo o sistema económico-social. Concretamente as exportacións, calculadas en libras esterlinas ouro por persoa, pasaron de 16,6 libras no período de 1881-1890 a 21 libras no de 1891-1900. A estrutura industrial nos primeiros anos da República é moi feble, con dominio da pequena empresa artesá, e uns 54.000 obreiros. 

No aspecto político, a Constitución de 1891 prevía eleccións directas adiadas a 1894, e aínda que se eliminan restricións da etapa monárquica outórgase o dereito de eleitor só aos que teñen determinado nivel de renda. Asemade, mantíñase o exercicio do voto con carácter aberto (non segredo) e, entre outras restricións, só votaban os homes alfabetizados, nunha época na que a povoación do país era maioritariamente analfabeta. Todo seguía ben atado.

Te puede interesar