Opinión

Camilo Torres, o 
crego guerrilleiro

Pra unha inmensa maioría das persoas do exterior, o estereotipo da Colombia é o dun país inzado de droga, paramilitares e guerrilla. Colombia abrangue un millón cen mil quilómetros cadrados e 47 millóns de habitantes, e unha enorme diversidade de ecosistemas e climas, pola altura das súas montañas. Posúe costa no Océano Pacifico e no mar Caribe. Destaca na produción e exportación de petróleo e café. A pobreza abrangue o 30,6% da povoación. Trátase da cuarta economía de América Latina, por detrás de Brasil, México e Arxentina. Mais, despois destes dados introdutorios, quérome centrar na figura de Camilo Torres, o sacerdote que se integrou na guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN) e deu a vida pola revolución. 

Como consecuencia do asasinato do líder liberal Eliécer Gaitán en 1948, ollado pola xente como unha figura de cambio, comezou a revolta popular coñecida como o bogotazo e un longo período de violencia política que confrontou a liberais e conservadores, que ate 1960 causou uns 300.000 mortos. Neste marco, a partir das ligas campesiñas liberais, nacen en 1964 as FARC, daquela relacionadas co Partido Comunista, e que son o maior grupo guerrilleiro do país. O 7 de xaneiro de 1965, hai agora medio século, xorde o ELN, definido como castrista. Estas dúas guerrillas aínda seguen activas, e a primeira inmersa nun proceso de negociacións na Habana, co governo de José Manuel Santos, co obxectivo de conseguir unha saída política ao conflito armado. Pola súa banda o ELN estaría en conversas pra percorrer un camiño semellante. Asemade, durante este longo período houbo outras organizacións guerrilleiras que por distintas razóns desapareceron (EPL, M-19, etc.).

Camilo Torres foi a figura de máis relevancia internacional do ELN, mesmo despois da súa morte no ano 1966, cando caeu en combate contra o exército colombiano. En La Revolución Imperativo Cristiano afirmaba Torres o seguinte: “a revolución é a forma de lograr un governo que dea de comer ao famento, que vista ao espido, que ensine ao que non sabe, que cumpra coas obras de caridade, dea amor ao próximo, non só de maneira ocasional e transitoria, non só pra uns poucos, senón pra maioría dos nosos próximos. Por iso a revolución non só é permitida senón obrigatoria pra os cristiáns que ven nela o único xeito eficaz de facer o amor pra todos”. 

Camilo Torres naceu en Bogotá no ano 1929, comezou estudos de dereito na Universidade Nacional, que deixou pra ingresar no Seminario Maior. No ano 1954, foi enviado a Lovaina a estudar socioloxía. Unha vez licenciado, retornou a Colombia, onde foi nomeado capelán na Universidade Nacional, membro do seu Consello Directivo e profesor da mesma. Diante da morte dun estudante realizou unha misa en lembranza de todos os caidos nas mesmas circunstancias. Eran tempos da ditadura de Rojas Pinilla. Acusado de comunista, o Cardenal Concha pediu a súa dimisión, o que fixo. Foi enviado como crego á igrexa de Veracruz. O director da Escola Superior da Administración pública pediu permiso ao cardeal para nomear Camilo como decano desta escola, e foille concedido. Alí adicouse á preparación de técnicos destinados a asesorar os labregos no cultivo da terra. Durante eses anos publicou: La proletarización de Bogotá; Las escuelas radiofónicas de Sutatenza; La violencia y los cambios socio-culturales en las áreas rurales; La Universidad y el cambio social. 

Este crego que se incorporou á guerrilla non foi o único na America Latina. Temos ademais, por exemplo, o caso do galego Fernado Hoyos (nacido en Vigo), que formou parte do EGP e morreu combatendo en Guatemala en 1982. Formaron parte desa corrente do cristianismo militante e revolucionario que viu no socialismo a vía pra rematar coa explotacion e a opresión.

Te puede interesar