Opinión

Cando o inmediato impide ollar o bosque

Dende hai tempo, os focos dos medios de comunicación están colocados sobre as vindeiras eleccións municipais e autonómicas, como un anticipo do que pode suceder nas posteriores eleccións xerais. De todo isto, as votacións en Andalucía son unha primeira mostra. As enquisas indican que a dereita perderá a maioría nas institucións do Estado español, e ademais, que os partidos nacionalistas non serán necesarios pra conformar unha maioría de governo. Esta última é unha cuestión de Estado pras clases dominantes, especialmente despois da aposta da Generalitat e do Parlamento de Cataluña por un estado soberano, cun gran apoio popular.
Neste aspecto, o agromar de Podemos primeiro, e de Ciudadanos despois, semella unha solución que, malia facer o escenario político aparentemente máis complexo, é funcional ao fortalecemento do ámbito estatal de decisión política. Nomeadamente, permite que o “pluralismo” se restrinxa ás forzas de ámbito estatal, como xa aconteceu nos medios no pasado “debate da nación”. Asemade, evita a necesidade de pactar con partidos nacionalistas, en caso de que ningunha das grandes forzas acade un número abondo de deputados/as pra conformar unha maioría nas vindeiras eleccións xerais, especialmente cando os acordos con CiU e PNV xa non son tan doados. Ademais, Podemos e Ciudadanos recollen votos de IU, PSOE, PP e da abstención, e tamén o fan de persoas que antes votaban nacionalismo. Malia que esta tendencia sexa menos intensa neste último caso, é abondo como pra aumentar as dificultades do proceso soberanista de Cataluña, e xerar novos problemas ao nacionalismo en Euskadi e Galiza.
Polo tanto, o nacemento de novos suxeitos políticos, cunha importante cobertura dalgúns medios, foi quen de mudar a correlación de forzas, debilitando moito a dereita (xa moi desprestixiada pola xestión da crise e a corrupción), mais tamén enfraqueceu a loita pola soberanía e a cuestión de clase, como alternativas. Calquera pode ver que se fortaleceu o discurso de centro, negando a loita de clases (esquerda/dereita) e o conflito nacional (recuperando a “prioridade do social” e reforzando a autonomía). Porén, non se pode pensar que esta tendencia, hoxe en ascenso, estea consolidada. Estes novos suxeitos políticos non teñen unha base militante unificada detrás dun proxecto único, polo tanto están expostos a todo tipo de conflitos internos, que hoxe o anceio de acadar poder institucional amortigua, mais que a actividade práctica nas institucións vai acentuar. Basta ver que pasou co éxito inicial de Anova na Galiza (e por extensión AGE), e como se foi fragmentando posteriormente, mesmo sen xestionar institucións. Dise que esta experiencia no país foi importante pra Podemos.


Agora ben, a proba do algodón pra estes novos suxeitos políticos, especialmente pra Podemos, dependerá de como xestione os resultados en Andalucía, primeiro, e nas eleccións municipais e autonómicas, despois. Ou sexa, se pacta ou non pra garantir governos de maioría. E isto vai condicionar o apoio dunha parte dos seus respectivos electorados, concretamente nas xerais. Este exame non vai ser igual pra o PP e o PSOE, e mesmo pra IU e o BNG, que teñen un eleitorado máis consolidado. Daquela, pódese asegurar que despois das eleccións municipais teremos un tempo político máis complexo e convulso que o actual, no que a preminencia do discurso da solución máxica (hoxe por riba do programa e da folla de rota) estará matizado pola práctica, que amosará as incoherencias e as debilidades, e tamén os acertos.
Resulta evidente, que os novos suxeitos políticos céntrano todo en dar respostas tacticistas e na acción institucional. Deixan nun segundo plano os cambios estratéxicos, económico-sociais e a cuestión nacional. E polo tanto, a mobilización e a organización das clases subalternas.

Te puede interesar