Opinión

A centralidade do traballo

Hoxe o mundo está diante de fondas e complexas transformacións, tanto pola disputa entre potencias, como polos retos ecolóxicos e os límites na existencia de materias primas, agora ben: cantos destes cambios son só de formas e cantos mudan os contidos?... cales cambian as relacións de produción e cales non?... até que punto existe un desprazamento da centralidade cara novas clases ou ficamos só diante da recomposición das existentes?... Por exemplo, como cualificamos e vai incidir o teletraballo. Estas e moitas outras son preguntas importantes, pras que cómpre ter unha resposta axeitada, pra caracterizar correctamente as contradicións e a súa importancia. Unha cuestión básica pra poder avanzar en xustiza social, soberanía, solidariedade...

Ao profesor de socioloxía do traballo da Universidade de Campinas, Sao Paulo, Brasil, Ricardo Antunes, que estivo no país galego en varias oportunidades dando conferencias, debéselle un dos libros máis lucidos sobre as relacións laborais e a clase traballadora, titulado “Os sentidos do traballo”. Trátase dun estudo da relación entre o traballo improdutivo e produtivo, da división sexual do traballo e da nova configuración da clase obreira. Analiza as mudanzas dentro e fóra da empresa, do fordismo ao toyotismo, do Welfare State ao neoliberalismo e a globalización. Aínda que son moitas as referencias ao Brasil, especialmente nos apéndices, o libro centrase no estudo do neoliberalismo da era Thatcher e a “terceira vía” de Tony Blair en Inglaterra, país onde o autor traballou como pesquisador visitante na Universidade de Sussex convidado por István Mészáros. 

Ricardo Antunes adica unha boa parte do seu libro a valorar a afirmación de que o traballo na sociedade en que vivimos foi perdendo importancia na vida do ser humano, un espazo e valor que seica foi gañando o lecer. Mais el demostra con multitude de datos e exemplos prácticos como o traballo segue sendo central, polo que a clase obreira segue a ser o suxeito principal de calquera transformación social, malia súa fragmentación. Daquela que aínda que hai quen dá por feito que a maquina substitúe á clase traballadora cada día traballa máis xente e máis horas en relación de dependencia. É así malia os avances científico técnicos, algo que calquera de nós ve na súa práctica cotiá. Antunes valora que: “hai un proceso de tecnoloxización da ciencia que, polo dagora, non pode eliminar o traballo vivo, aínda que pode reducilo, alteralo, fragmentalo”.

Tamén contradí a visión reducionista que fan algúns teóricos, e mesmo algúns sindicalistas, cando consideran que a clase obreira só baixo as formas de produción do taylorismo-fordismo tiña homoxeneidade. Argumenta Antunes: “No século XX, os traballadores por certo non eran homoxéneos. Sempre houbo homes-traballadores, mulleres-traballadoras, mozos-traballadores, cualificados e non cualificados, nacionais e inmigrantes, etc... tamén é evidente que no pasado xa había terciarización... Deuse polo tanto unha enorme intensificación dese proceso que o alterou cualitativamente ...” Con estas apreciacións rexeita a simplificación, que non de ofrecer unha análise profunda e sinxela, que concreta na seguinte definición da clase traballadora: “a clase-que-vive-do-traballo engloba tamén ao conxunto dos traballadores/as improdutivos... aquelas persoas cuxas formas de traballo son utilizadas nos servizos, sexa pra uso público, como os servizos públicos tradicionais, sexa pra uso capitalista”. 

É dicir, Antunes: refuga a visión mecanicista de reducir a clase operaria só aos traballadores/as directamente relacionados coa produción de bens, dándolle así pleno valor nesta etapa como suxeito político transformador... e forza insubstituíbel na loita pola xustiza social, a defensa do ecosistema.

Te puede interesar