Opinión

China, unha potencia coa que se debe contar

As estatísticas dos organismos internacionais (BM, FMI) e as da propia CIA, reflicten que o PIB de Estados Unidos e da Unión Europea, en capacidade de merca (PPA), están un 20-30% por debaixo do logrado por China. Claro que non se pode obviar que esta última ten unha povoación moi superior, 1.400 millóns de habitantes, fronte a 500 millóns da UE e 334 millóns de USA. Polo tanto está aínda lonxe de acadar un grao de desenvolvemento comparábel. Ademais, en valor de intercambio (en divisas) o PIB de China segue a ser inferior ao dos USA, a potencia hexemónica, e ao da Unión Europea. Agora ben, non se pode ignorar que China ten un nivel de crecemento da economía moito maior (que nas últimas décadas dobra e triplica o das outras potencias sinaladas) e sufriu uns menores efectos da pandemia do covid-19.

Os anteriores son datos que deixan en evidencia cal é a tendencia dominante, que implicaría a curto prazo que China se converta en referencia tanto económica como política (hexemónica?). A outra vía é chegar a amplos acordos que, como ao final da Segunda Guerra Mundial, permitan fixar regras de xogo que garantan o multilateralismo. Os planos actuais de Biden, como antes de Trump, aínda que cunha política de alianzas distinta, queren manter e ampliar o papel dominante, imperial, dos Estados Unidos. Co obxectivo mesiánico de garantir a democracia e as liberdades do mundo, escusas que serven de pegamento á súa fragmentada da identidade colectiva e de propaganda no exterior. Trátase de agochar os intereses económicos que son a razón de fondo.

Dado a hexemonía que os medios de comunicación e espectáculo dos Estados Unidos teñen na maior parte do planeta, acompañados polo grandioso despregue militar dese país, normalmente as valoracións que se fan respecto da conxuntura mundial e das tendencias futuras, sexan positivas ou negativas, xiran arredor das propostas ou iniciativas desta potencia. Mais, cal é a postura de China respecto do seu papel no mundo, e cal o modelo de globalización polo que apostan? Teñen unha proposta alternativa que vai pra alén do multilateralismo reducido ás grandes potencias?

Tendo en conta o papel central de China as anteriores son cuestións importantes. Lembremos ademais que este ano cúmprese o cen aniversario da fundación do Partido Comunista Chino, o que dará lugar a grandes celebracións, mais tamén a facer análises do seu papel e precisar cales son os retos que ten cara o futuro e propostas. Neste ámbito Xulio Ríos, especialista no tema e país no que viviu, con numerosas publicacións sobre China, como por exemplo “La Globalización China”, acaba de escribir co gallo deste aniversario: “A Metamorfose do comunismo na China”. Neste libro, percorre a historia do PCCh, e detense nos debates e resolucións tomadas nesta conxuntura de confrontación e grandes retos, que condicionan o futuro do xigante asiático e da humanidade.

Dinos Xulio Ríos: “China ten ao alcance da man a culminación do seu obxectivo histórico da modernización soñada xa a finais do século XIX. Pero quédalle un treito por percorrer, un tramo que é en extremo complicado, e non se pode descartar que fracase (...) Esta China exhibe unha modernidade feita por ela mesma que destaca fronte á modernidade de corte occidental (...) Ser comunista para o PCCh é ser conservador no político, intervencionista no económico, socialdemócrata no social e confuciano no cultural”. Esta pode ser unha definición apropiada da realidade China. Unha opción que debe ser respectada desde o exterior. A cuestión é: como vai incidir isto no resto do mundo, e na Galiza? Axudará a conseguir economías autocentradas que teñan a vexan a mundialización como complemento? O multilateralismo alargarase a todas as nacións? E a xustiza social e o dereito de autodeterminación?

Te puede interesar