Opinión

Cidadanía e nacionalidade non son o mesmo

Hai dados que varían segundo quen faga a noticia, como por exemplo cal é o número de galegos e galegas, así como de inmigrantes no país, ou como se caracteriza a aquelas persoas que teñen dereito de voto. Mais non se pode obviar que nestes temas existen interpretacións erradas sobre as que se constrúen conceitos falsos da realidade, que impiden tomar medidas axeitadas, pra alentar ou corrixir as dinámicas dominantes.

Por exemplo, os medios destacaban que terían dereito ao voto nas eleccións do 5-A perto de 2,7 millóns de “galegos e galegas”, incluídos 460 mil que residen no estranxeiro. Nesta cifra non se contan as 338 mil persoas que nacidas na Galiza viven no resto do Estado español, xa que figuran como votantes neses territorios e interpretase que votar nas eleccións galegas implicaría unha duplicidade, dado que o fan nos procesos electorais ali onde residen. Semella lóxico, mais este criterio non é o que se utiliza cos cidadáns que viven fóra do Estado español. 

Concretamente as persoas que viven no exterior e teñen a cidadanía española poden votar nas eleccións xerais e autonómicas, malia que naceron fóra. Das 519.646 persoas rexistradas no ano 2019 nada menos que 369.067 non naceron na Galiza. Esa é a situación dos meus sobriños e dunha morea de fillos e fillas de parentes que viven na Arxentina, que teñen a cidadanía e votan naquel país no que naceron e residen, e co que como é lóxico se identifican. Eu vivín naquel país dúas décadas de pequeno e mozo, e estudei, traballei, e militei na Irmandade Galega e nun partido da esquerda revolucionaria daquel país (na etapa das ditaduras de Ongania, Livingston e Lanusse), e nunca me considerei arxentino, malia o meu compromiso político co seu povo. 

Identidade, solidariedade e compromiso coa xente coa que se convive non teñen porque ser conceitos interdependentes, poden selo complementares. Tampouco compre nacer nun país pra  adaptar como propia identidade de onde se vive ou se quixera residir. É algo común que moitos fillos e fillas de galegos e galegas que naceron no resto do Estado, en Portugal,  Suiza ou Alemaña, que volveron a Galiza estean totalmente identificados co país, porque formou parte das súas vivencias dende cativos. Esta evolución é menos doada cando se trata de persoas nacidas alén mar, tanto pola lonxanía como porque os procesos de integración foron moi distintos. (en Suiza, Alemaña e Francia naceron en cada un mais de nove mil persoas). 

Ou sexa, que unha cuestión é a identidade, considerarse galegos e galegas, e outra menos comprometida é obter a cidadanía. Daquela que as veces cando se fala de inmigrantes retornados en referencia a persoas que son descendentes de galegos e galegas faise unha caracterización errada porque nunca retornaron  xa que nunca marcharon. Se lle preguntásemos pola sua nacionalidade diranos que son venezolanos, arxentinos, cubanos, cataláns, madrileños, etc. Esa é a realidade, o resto son espellismos. Esta visión errada é a que impide realizar políticas de integración eficaces, non só con aquelas persoas que non teñen ningún vinculo anterior con Galiza, senón tamén con aquelas que tendo antecedentes familiares ligados a esta Terra cando chegan atopan unha realidade cultural, lingüística, histórica, social e política distinta. 

Coido que o voto é un dereito moi importante e intransferíbel, que se gaña formando parte integral dunha sociedade, compartindo os seus problemas, beneficios e loitas, pra alén da nacionalidade. Ter a cidadanía vivindo no exterior debe permitir que se recobre ese dereito ao retornar ou vir como inmigrante, tal como sucede co dereito á sanidade, ensino, etc. Non é un tema menor, a este ritmo dentro de pouco o voto exterior (de se exercer) decidirá quen nos governa. Non é xusto, nen democrático.

Te puede interesar