Opinión

O conflito con Rusia, no punto de non retorno

O ministro de relacións exteriores de Alemaña ameazou Rusia con novas sancións, se os “separatistas” do Donbass pasaban á ofensiva despois de repeler os ataques do exército que axiña invalidaron os acordos de paz de Minsk. As ameazas non tiveron ningún efecto. Ante todo porque un peche da fronteira rusa coas áreas controladas polos rebeldes provocaría un desastre humanitario, Grecia bloqueou novas sancións a Rusia (polo momento), e Putin está canso do hexemonismo de USA-UE que ignoran todas as normas internacionais. Días despois, Merkel e Hollande decidiron visitar Kiev e Moscova, seica para procurar unha solución pacífica, mentres os Estados Unidos cavilaban entregar armamento ao exército ucraíno. 

Non é a primeira vez que os Estados Unidos e a Unión Europea premen a Putin, e ao mesmo tempo dan folgos ao discurso pacifista, nos momentos en que a situación militar é adversa pra Kiev. Isto deixa en evidencia a súa falla de imparcialidade. Cómpre lembrar que as potencias hexemónicas, integradas na OTAN, non só alentaron as revolucións laranxas senón que se implicaron a fondo na revolta no Maidan (como acaba de recoñecer Obama), na que se utilizou como forza de choque a grupos neo-nazis. 

Tampouco se pode esquecer o incumprimento do acordo asinado co presidente Yanukovich, do que Francia, Alemaña e Rusia foron garantes. As dúas primeiras non fixeron ren pra salvalo. Substituíuse un grupo oligárquico por outro semellante, mais coa característica de o novo ser totalmente submiso ás potencias occidentais, excluíndo do proceso electoral os partidos molestos, nun ambiente de golpe de estado. Daquela que, en coherencia con esta liña de acción, mentres a UE predica a paz e lle esixe a Putin que prema aos milicianos pra que cedan a iniciativa, os países da OTAN adestran e dan recursos de todo tipo a Kiev. Este dobre xogo procura evitar a mobilización da povoación europea contra un conflito que pode chegar a niveis moi perigosos, xustificando o apoio ao réxime de Kiev, e agochando a alianza coa estrema dereita ucraína. 

Todo indica que adhesión de Poroshenko aos acordos de paz de Minsk tiña como única finalidade frear a ofensiva dos rebeldes, renovar e rearmar as tropas de Kiev. Por esta razón, mentres atribuían os bombardeos sobre as áreas civís do Donbass a batallóns integrados pola estrema dereita que seica non obedecían as ordes do Governo, na práctica querían evitar a volta dos refuxiados e impedir a normalidade no Donbass. O cese de hostilidades converteuse en papel mollado, e as baixas de civís no pan de cada día, porque así o quixo Kiev, e porque a Washington e a UE llo permitiron.

En realidade, Estados Unidos empurra o conflito pra aumentar a dependencia da Unión Europea, tanto no aspecto militar como económico. Mais Bruxelas tamén está metida ate o pescozo nunha política de expansión territorial da que espera, como nas últimas décadas, que lle solucione o baixo crecemento dun sistema esgotado e unha tensión que favorece a militarización e a represión interna. Quere deste xeito canear a necesidade dunha redistribución do traballo e da riqueza, que alente o consumo; e dobregar os estados que non se subordinan a ela.

Asemade, a escalada de sancións pode rematar en desastre. Non só polo perigo dunha confrontación cunha gran potencia nuclear, senón porque a ruptura pode non ter marcha atrás. Pensar que isto non vai suceder porque Rusia e a UE están mutuamente atadas, e as dúas terían moito que perder, pode terminar carecendo do valor, e Rusia usar a súa arma máis eficaz: cortar o fornecemento de gas e petróleo. E nada fai pensar que Merkel e Hollande lle fagan a Putin propostas que signifiquen un cambio de estratexia. Un mundo subordinado ou dividido semella ser a única alternativa de Washington e Bruxelas.

Te puede interesar