Opinión

Ensinanzas das eleccións galegas

Non coincido con aqueles que din que as eleccións galegas xa estaban decididas antes da campaña. Se fose así, non se comprendería que Núñez Feijóo se implicase tanto, deixase as siglas do PP na mínima expresión, diminuíse ao anecdótico a presenza de dirixentes estatais, e se envolvese na bandeira galega . O certo é que foi gañando terreo na campaña, é verdade que co inestimábel apoio dos medios de comunicación, algo que non é unha novidade, mais tamén grazas aos erros e eivas da oposición con máis opcións de substituílo, o PSOE e En Marea. Estes partidos careceron de propostas rupturistas, que se visen como un cambio real pras clases populares. Ademais a Villares e Leiceaga fáltalles carisma, forza, aínda que teñan entrega e formación política.  

O único paso en falso de Feijóo foi participar no debate electoral previo na TVG, onde Ana Pontón, a portavoz do BNG, foi quen de amosar firmeza, propostas e entrar na confrontación sen perder o ton. A fronte nacionalista aproveitou esta panca pra ir gañando espazo político no resto da campaña, deixar en evidencia que hai que superar o Estatuto e a Constitución, e así recuperar votantes que se foran ás Mareas ou ficaran na abstención en anteriores consultas electorais. É lóxico que o PP e máis o BNG aparezan como as forzas triunfadoras nestas eleccións (pra alén das fondas diverxencias políticas e distancias cuantitativas), porque superaron as expectativas previas. Non só as que auguraban as enquisas, senón as que daban por certas os outros partidos. No caso do BNG, porque se daba por finiquitada unha forza que ten unha ampla representación nos concellos, milleiros de militantes e unha incidencia moi forte nas organizacións sindicais e sociais. Esas previsións erradas vólvense agora en contra dos que as alentaron.

Daquela que a conquista do segundo posto por parte de En Marea, que lle permite liderar a oposición, soubéselles a pouco, máxime cando as enquisas previas dábanlle entre 18 e 20 escanos, e eles non se cansaban de afirmar que superarían este obxectivo e que ían governar. Hipotecounos a soberbia, a falta de matices, dar por válida unha e outra vez unha folla de ruta simplista, centrada no institucional, nas cúpulas, mais que o tempo amosa como chea de dificultades insalvábeis. Atrancos aos que se deben sumar as contradicións internas e unha dependencia política cada vez máis forte de Madrid. Pola súa banda, o PSOE ten diante de si unha situación complexa, ligada aos compromisos do partido co IBEX 35, polo que foi perdendo a bagaxe de esquerda. Como se resolva a súa crise a nivel estatal vai incidir na política galega. Dividirase? Vencerá Sánchez? Gañará a liña de submisión ao bloque dominante? 

Este proceso electoral deixa algunhas ensinanzas. A primeira, que sen unha sociedade amplamente mobilizada, protagonista, é moi difícil derrotar, mesmo no eido electoral, as forzas que defenden a globalización neoliberal na súa versión máis dura. Cando a principal referencia está no debate nos estudios de televisión, as ideas dominantes son as do poder económico. O outro aspecto importante, directamente ligado co anterior, é que non resulta críbel unha alternativa que se basea na subvención pública a sectores e grupos desfavorecidos, se non se clarifica de onde viran os recursos. E isto implica, nun contexto onde os ingresos públicos son inferiores aos gastos, mudar as prioridades económicas e sociais. Ou sexa, deben pagar máis impostos as grandes empresas e fortunas, que son as beneficiadas polas políticas actuais. E, a cambio, por exemplo, mellorar os servizos públicos e as achegas ás pensións, desemprego e dependencia, aumentar o salario mínimo, etc. A esquerda, pra realmente selo, non pode ignorar ou canear a loita clases, a confrontación de intereses. 

Te puede interesar