Opinión

Escenarios posíbeis do capitalismo senil

No Foro de San Petersburgo o Fondo de Benestar Social, que forma parte do sistema de pensións da Federación Rusa (uns 190 mil millóns de dólares), anunciou que vai a reducir a cero a participación do dólar e a 5% o da libra. Esta decisión deixa en evidencia a resposta de Moscova ante as agresivas medidas económicas, financeiras e militares tomadas polo Governo de Biden, que son continuación das de Trump, e este das que tomou no seu día Obama. Ou sexa que en política exterior non hai diferenzas de fondo entre republicanos e demócratas, que a única alternativa que teñen en conta é impoñer a última palabra en todos os temas. Ignoran a construción dun mundo multipolar... a menos que non lles quede máis remedio.

Esta decisión de Rusia é un aviso tanto pra Washington como pra os seus aliados respecto das políticas que veñen aplicando de sancións e intervención exterior, obviando as regras de xogo internacionais máis básicas consensuadas despois de Segunda Guerra Mundial. Son unha contestación ás ameazas de excluír a Moscova do sistema de pagos swift e as manipulacións do valor das moedas en relación con dólar. Medidas agresivas que afectan non só as potencias emerxentes competidoras, como China e Rusia, senón tamén a outros países que pretenden manter políticas soberanas.

Rusia, con máis de 600 mil millóns de dólares en divisas, reduciu xa en boa medida as reservas en dólares, en beneficio doutras moedas e do ouro, e pretende eliminar totalmente o dólar. Tamén o están a facer outras nacións. Razón pola que o comercio internacional en dólares pasou de representar o 80% no ano 2013 a só un 50% no 2020. Respecto do sistema de pagos internacional swift tanto Rusia como China estarían traballando sobre un sistema alternativo, baseado en varias moedas de referencia, que evite o control dunha nación, como pasa agora co swift por parte de Estados Unidos. Lembremos que este sistema é fundamental pras transaccións comerciais e financeiras, investimentos,... A consolidación de redes de comunicación propias, ou nas que se garanta plena seguridade, así como as criptomoedas soberanas, son pasos nesta mesma dirección.

Estas medidas preventivas por parte de Rusia e China, como contestación tanto a discursos cada vez máis agresivos, por parte do Estados Unidos e nacións aliadas, e polas sancións de todo tipo e o aumento do cerco militar, non non tiveron até agora ningún éxito. Washington e aliados seguiron ignorando a tendencia dominante, que no eido económico e das novas tecnoloxías, reforza cada vez máis un avance do papel do leste de Asia, que a pandemia non fixo máis que acelerar.

Tofo fai pensar que a estratexia occidental ten como finalidade, a corto prazo, illar a China e Rusia, afectando as súas relacións comerciais, e o marco actual do proceso de globalización, pra recuperar así hexemonía perdida, secuestrando grazas ao seu peso militar, comunicacional e financeiro, á maior parte da humanidade. Un proceso deste tipo reduciría o marco pra desenvolver unha economía de escala por parte de China, e obrigaría a Rusia a un abafante gasto militar. Daquela a constante demonización destas potencias por parte dos Estados Unidos e aliados. Un xogo moi perigoso que pode rematar en traxedia nuclear pra humanidade.

Nestas estratexias que se constrúen sobre a cobiza, o egoísmo e a forza, das que tamén forman parte as grandes corporacións, o povo carece do protagonismo que lle corresponde. Pódese dicir que o capitalismo-imperialismo estoupa en contradicións, mais gañou polo momento a batalla da comunicación. Falta unha forte alternativa mundial solidaria e xusta no económico e social. Unha internacional da clase traballadora e dun movemento das “nacións non alienadas”. Este é o gran reto da vindeira década.

Te puede interesar