Opinión

Que foi da derrogación da reforma laboral?

O compromiso do PSOE a derrogar a reforma laboral foi unha das cuestións centrais pra que Pedro Sánchez lograse a investidura como Presidente do Governo central. Así como eliminar o artigo 315.3 do Código Penal e rectificar a reforma das pensións, como o exixían os partidos nacionalistas da esquerda, e UP seu futuro socio no Executivo. Sánchez aceptou este reclamo sen maior problema xa que estaba presente no seu programa de lexislatura. Mais, o tempo vai pasando e aquel compromiso nunca se concreta, sempre hai algunha escusa pra adialo: a pandemia, a crise económica,... Por se non abondase a Ministra de Economía, Nadia Calviño, que acaba de ser premiada cun ascenso a vicepresidenta 2º do Governo central, manifestase en contra das derrogacións facendo fronte común coa CEOE.

En axuda desta postura da ministra de economía, compartida pola dereita, saíu a Unión Europea manifestándose contra da derrogación no Estado español da reforma laboral. Así o destacan os medios de comunicación: “A Comisión Europea rexeita que o Governo derrogue a reforma laboral, se España quere acceder aos fundos de recuperación”. Esta afirmación tan rotunda e ameazante é de Valdis Dombrovkis vicepresidente da Comisión Europea e comisario do euro e de Dialogo Social. E engaden a seguinte afirmación de Dombrovkis: “o vicepresidente asegura que vixiará as medidas laborais do Governo. Non se pode volver atrás e isto esixe unha avaliación polo miúdo”. Aceptará submisamente o PSOE estas directrices? Ou xa as coñecía?

Lembremos que as reformas laborais do PSOE en 2011, e despois a do PP en 2012, facilitaron o despedimento, crearon contratos a proba abusivos dun ano, alentaron o traballo a tempo parcial non desexado... Aínda que a modificación de maior envergadura foi a relacionada coa negociación colectiva xa que se eliminou a ultra-actividade dos convenios, deulle prioridade aos convenios de empresa sobre os de sector (e non o máis favorábel pra o traballador como era até ese momento) e dotouse aos empresarios de máis mecanismos de axuste e modificación das condicións de traballo, e pra regulación temporal e o despido colectivo... Ademais o artigo 315.3 do CP utilizase como ariete contra as mobilizacións laborais, limitando unha das poucas armas co que conta pra socializar o conflito e premer á patronal. 

Estas contra-reformas tanto no ámbito laboral como das pensións foron parte dun axuste que botaba sobre a clase traballadora, en activo ou pasiva, a maior parte dos custes da crise de 2008 (tamén sobre os/as autónomos e pequenos empresarios). E todo indica que pretende facer o propio coa crise que provocou a pandemia, pra alén de que permitise os ERTE e outras axudas como solución de emerxencia. Agora ben, mentres que estas últimas son medidas transitorias a reforma laboral ou das pensións e o artigo 315.3 do CP teñen un carácter permanente, non conxuntural. 

Polo tanto a restitución destes dereitos básicos sería un paso adiante, pra crear unhas condicións algo máis equilibradas, o que permitiría acadar un reparto máis xusto dos beneficios producidos entre a clase traballadora e o capital; sobre todo se vai acompañada da mobilización. Non é valida a escusa de que non é o momento xa que moitas empresas están en crise, mais esta situación sempre se ten en conta no momento da negociación. Non derrogar a reforma ignora que hai sectores e empresas que están obtendo grandes beneficios. E que a explotación se acrecenta por unhas relacións laborais que favorecen exclusivamente os intereses patronais, como amosa o proceso de aumento da desigualdade, precariedade, e centralización e concentración da riqueza e do poder. A derrogación das reformas laborais de 2011 e 2012 non se deben adiar máis! 

Te puede interesar