Opinión

A folga xeral galega de febreiro do 84


Este mes cúmprense catro décadas da primeira folga nacional galega, posterior á 2ª República. Antes realizouse a folga de 1932 contra o despedimento na Construtora Naval de gran parte do cadro de persoal, así como por exemplo o paro de 1917 que abrangueu a todo o Estado español. O paro de 1984 tivo como detonante o desmantelamento do sector naval, especialmente na Galiza, aínda que tamén había outras razóns de fundo, como: a desindustrialización e desfeita do agro e pesca, e a secular discriminación. O paro convocouse o 14 de febreiro pola INTG, CCOO e UGT nas comarcas de Vigo e Ferrol, que estaban máis directamente atinxidas pola “reconversión naval”, e a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos, antecedente da CIG, estendeuno a toda Galiza.

A folga foi un éxito total en Vigo e Ferrol. Mesmo na primeira das cidades os xornais daban 300.000 persoas na manifestación; superando deste xeito a do 15 de abril de 1983 que estes xornais valoraron en 200.000 as persoas convocadas. Pode que as cifras hoxe semellen algo esaxeradas, porén realmente a mobilización foi impresionante, e comparábel as que se realizaron contra a guerra e ocupación de Iraq ou polo desastre do Prestige anos despois. 

Agora ben, o paro nacional galego, convocado en solitario pola central nacionalista, tamén acadou unha numerosa participación nas demais cidades e vilas de Galiza, e moi especialmente nas comarcas de Ourense e O Carballiño. A cidade das Burgás parou. Dende o governo xustificouse este feito pola acción dos piquetes informativos, un discurso que tamén empregaron as outras centrais sindicais ao ficaren en evidencia diante dos seus afiliados/as. Estas declaracións e de dirixentes políticos non se sostiñan, xa que menos de cen persoas espalladas en varios lugares da cidade e polígono industrial, non paran a miles de operarios se non queren, se coidan que non hai razóns de peso e que sintan como propias. Todas estas declaracións hai que entendelas diante do feito de que a folga era esencialmente contra a política económica e laboral do Governo. 

Unha parte importante dos traballadores e traballadoras daba unha resposta positiva á iniciativa e atrevemento da INTG, e constataba que facía unha valoración correcta do estado de animo da clase traballadora. A práctica pechaba un debate esencial entre os cadros sindicais, e tamén políticos, unha  polémica podemos resumir na pregunta: é posíbel un paro de solidariedade ou por reivindicacións estratéxicas, por temas que non atinxan directamente aos traballadores/as?... Os que tiñan unha visión economicista plantexaban que a xente só se mobiliza polos seus problemas concretos, de empresa ou sector, mais a folga xeral do 14 de febreiro de 1984 constatou que isto non é certo, que tamén o fai por solidariedade e por reclamacións xerais. 

Na INTG tamén existiu debate interno previo á folga xeral, aínda que maioritariamente entendía que a clase obreira compendia a nivel xeral como lle afectaba esta reconversión, tanto como nación e como clase, polo tanto apoiaría esta acción de protesta que ademais implicaba un salto cualitativo, mesmo nas áreas máis afastadas e sectores menos organizados. O éxito da folga xeral, especialmente en bisbarras como Ourense, amosou que era unha valoración correcta a que facía o nacionalismo sindical. Ademais de amosar cales eran as análises e propostas axeitadas pra o momento, o paro permitiu que se fixeran aquel ano dúas novas folgas xerais galegas, o 12 de xullo e 29 de novembro. Nestes casos a convocatoria sería conxunta da INTG e CCOO (esta última premida pola súa base). Estes feitos son historia, mais non deberían verse só como lembranzas senón tamén como experiencias a ter en consideración, mesmo que o presente e futuro teñan dinámicas propias.

Te puede interesar