Opinión

Galiza na defensa de Bos Aires

No ano 1806, no mes de xuño, hai máis de dous séculos, 1.600 soldados británicos con oito canóns, ao mando do coronel Beresford, atacaron Bos Aires. Daquela a cidade tiña uns 42.000 habitantes. Non había ningunha urbe dese tamaño na Galiza. Bos Aires era capital do Vicerreinado do Río da Prata (colonia española), fundouse no ano 1776, e comprendía ademais do que hoxe é Arxentina a Uruguai, Paraguai e Bolivia, aínda que grandes zonas destes territorios non foran ocupadas, e os povos autóctonos mantiñan o control destas áreas.

Sobremonte, o vicerrei, mesmo tendo tropa abondo pra resistencia entregou Bos Aires aos ingleses. No mes de agosto dese ano 3.000 homes mandados por Liniers iniciaron a reconquista á cidade ocupada, pra o que contou con tropas chegadas de Montevideo e milicianos do interior da provincia. Os ingleses son derrotados. Mais non aceptaron o triunfo dos bonaerenses e envían máis soldados á zona, e en febreiro de 1807 toman Montevideo. 

Liniers, pra garantir a reconquista de Bos Aires, convocou aos cidadáns segundo a súa orixe (entre elas do Reino de Galiza) pra formar milicias. Por este motivo o 17 de setembro Antonio Cerviño, nado en Campo Lameiro, organizou o Tercio de Gallegos integrado por 536 homes. O seu segundo era o comandante José Fernández Castro, de Ferrol, ao que se lle considera o primeiro espía ao servizo da causa arxentina. Entre eles había fillos de galegos, como Bernardino Ribadavia, capitán dunha das compañías, que sería o primeiro presidente da Arxentina. Cerviño, enxeñeiro, sería o primeiro director da Escola Náutica de Bos Aires, despois da independencia. 

No mes de xuño dese ano Whitelocke –comandante británico- atravesa o río da Prata e ataca por segunda vez Bos Aires, contando pra isto con 110 barcos e 10.000 soldados. O día 5 comezou o ataque inglés e a batalla na cidade. Na zona do Retiro as tropas da cidade estaban a punto de perder o lugar por falta de munición, polo que o capitán da compañía dos Granaderos de Galicia solicitou permiso pra desaloxar aos británicos mediante a baioneta. O capitán dos granadeiros Jacobo Adrián Varela fixo unha carga, na que foi seguido por soldados dos batallóns de Mariña e Patricios, que obrigou a recuar aos atacantes. Esta acción considerouse a máis gloriosa das que se executaron na defensa da cidade. En total foron 602 homes que fixeron recuar a 3.000 británicos causándolles 600 baixas. Os ingleses terminaron por tomar a posición. Varela recuou cun “tercio” e 300 homes caeron prisioneiros. O día 7, despois dunha dura batalla nas rúas, os británicos aceptaron renderse a Liniers.

No libro “El Tercio de Gallegos”, de Horacio Vázquez, afirma que á Compañía de Granadeiros do Tercio correspondeulle defender un lugar chave como era Retiro e a veciña Praza de Touros, puntos neurálxicos da cidade. O resto do Tercio de Gallegos repartiuse en distintos lugares de Bos Aires. Os días 3 e 4 de xullo grupos de galegos armados acosaron con guerrillas aos británicos.

Houbo galegos en todos os corpos que defenderon Bos Aires. Segundo Cerviño “pódese afirmar sen esaxeración que 1.500 empuñaron as armas e que a súa sangue foi a de maior proporción de todos os tercios europeos. Liniers, comandante en xefe das forzas defensoras, mandaba en total uns 8.000 homes. O numeroso das tropas de orixe galega reflicte a importancia da emigración na cidade xa naquel entón. Un antecedente histórico pra entendermos polo que durante a primeira metade do século vinte serían sobre medio millón os galegos os que residían en Bos Aires, daquela xa unha gran metrópole. Tamén constitúe unha evidencia de que a emigración galega non só foi a traballar e facer cartos, tamén destacou noutros ámbitos, como o da cultura, sindicalismo, política...

Te puede interesar