Opinión

Grecia e a UE definen folla de rota

As primeiras medidas tomadas polo novo Governo de Grecia eran necesarias e urxentes, para aliviar algo a situación dramática pola que están a pasar centos de milleiros de familias. Son un paso comprometido por Syriza que lle permitirá ao povo tomar aire; tal é o caso: do aumento do salario mínimo e a recuperación da negociación colectiva; a eliminación do copago farmacéutico e restitución da sanidade universal; readmitir no seu posto os funcionarios públicos despedidos irregularmente; frear os procesos de privatización de empresas públicas, como a da enerxía e o porto do Pireo; pechar as cárceres de máxima seguridade; dar electricidade gratuíta a 300.000 familias que están baixo o chanzo da pobreza; etc. Opaca está vaga de iniciativas positivas pras clases populares que o novo Governo non conte cunha soa muller. Non é un bo sinal pra acadar a igualdade de xénero. 

Teño reservas en relación a Syriza e Tsipras, xa que predicou unha reforma de mínimos, que non cuestiona o sistema. Un programa que non racha coas amarras que subordinan a economía grega e as clases populares aos intereses das corporacións e grandes fortunas. No contexto actual, non abonda con reformas, con parches ou achegas caritativas, senón que cómpren mudanzas sistémicas que permitan recuperar e alargar o tecido produtivo, o emprego e as melloras nas condicións de vida. E iso esixe unha reforma en profundidade da UE, un cambio pra o que non existe unha correlación de forzas favorábel, mesmo que se alargara o efecto Syriza a outros estados da Unión. Polo tanto, pra saír do burato a única alternativa pra o povo grego é a saída do euro, como primeiro paso, e posteriormente o abandono da UE.

Agora ben, sen ignorar as consideracións anteriores, é correcto que Syriza tomase a iniciativa e colocase Bruxelas diante de feitos consumados. Xa que así evita que se dilaten as solucións. Agora só hai dúas alternativas posíbeis: que a UE faga concesións, que afrouxe a corda que puxo no pescozo dos gregos (cunha quita e reestruturación dos prazos da débeda, reforma do prego de imposicións da Troika, concesión de novos créditos); ou a saída pactada de Grecia da zona euro, o que de todos xeitos significaría tamén a renegociación da débeda. En pouco tempo saberemos por cal destas solucións optan as grandes potencias da Unión, que son as que teñen a tixola polo mango. 

A resposta de Bruxelas estará con seguridade moi condicionada por evitar que se alargue o contaxio, e o efecto Syriza se reproduza noutros países. Porén, evitalo non vai ser doado, mentres Tsipras non dea marcha atrás nas medidas tomadas e acepte unhas poucas migallas de Bruxelas que desalenten o apoio social. Polo tanto, ou a UE fai concesións importantes, aínda que sexa só na forma e non no contido, (é dicir, que non freen o proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder), ou a confrontación irá a máis. E se a UE termina aceptando e financiando estas primeiras medidas do Governo grego, serán olladas como unha conquista polas clases populares, en Grecia e outros países, alentando a oposición a folla de rota de Bruxelas. Sería un golpe enorme a unha década de descrédito da política, de sacralización da globalización neoliberal, de sementar o derrotismo nas clases populares. 

As próximas semanas botarán luz sobre a saída definitiva, e sería un erro dar xa por segura calquera delas. O cambio en Grecia atinxe tamén ás política exteriores da UE, e a oposición de Atenas a aumentar as sancións a Rusia, terminou nun pacto polo que se alongan as existentes. Trátase dun acordo pra gañar tempo no debate sobre Grecia dentro ou fóra da Unión. Como se resolva o conflito dará o perfil exacto de Syriza como representante das clases populares, así como das fortalezas e debilidades do neoliberalismo europeo.

Te puede interesar