Opinión

Indultos e estado plurinacional

Os indultos aos presos/as políticos cataláns foron aproveitados pola dereita neoliberal, en todas as súas versións, pra acusar ao Governo central de que implicaba a ruptura do Estado español e un cambio de réxime. Aínda que non aclararon en que se concretaba esta caracterización tan estrema, deixando en evidencia que o central era facer ruído e aumentar a tensión. Ou sexa, que se quere debuxar no imaxinario colectivo unha imaxe de desfeita, pra crear un estado de animo propio de situacións nas que se está próximo á caída nun precipicio e hai que tomar medidas urxentes.

Sen dúbida hai comunidades do EE e sectores sociais máis propensos a mercar esta dramatización, e con ela todo o referente a perpetuar o modelo de Estado imposto polo franquismo, que reinterpretou a historia, o que axudou a reducir o Estado das Autonomías a unha descentralización administrativa. Polo tanto esquecen, intencionadamente, que o Estado español xurde en 1833 coa supresión do antigo réxime, nel o Rei era a figura que unía aos reinos, que recobraban a soberanía cando este faltaba, como aconteceu coa invasión napoleónica. Daquela que A Xunta Suprema de Galiza crease un exército e negociase en pé de igualdade con Inglaterra, Portugal, Castela...

Ademais, neste caso concreto, tanto o PP, como Vox e Ciudadanos, manteñen unha folla de ruta que non leva máis que á confrontación como única saída, polo que choca coa lectura que fan dos indultos as clases dominantes dende o exterior (expresada nos principais xornais), así como dentro do Estado español a patronal e a xerarquía católica. Tampouco se poden obviar o cuestionamento de organismos xudiciais e consultivos europeos respecto da sentenza pola que foron condenados os presos/as políticos e das imputacións aos exiliados/as.

Todos estes aspectos comentados teñen moito valor porque terá cada vez máis incidencia sobre a opinión pública. E non se pode ignorar que realidade non é unha foto fixa, daquela a importancia de termos en consideración a evolución do marco e da actitude social no que se vai dar o debate a medio prazo. Neste aspecto xa as enquisas amosan unha rápida regresión da porcentaxe das persoas que se opoñen aos indultos, cunha caída de 20 puntos nas últimas semanas. Algo que xa se reflicte na baixa recollida de sinaturas polo PP, daquela que o tema pasase a un segundo plano (falase de atinxir medio millón. Un 1% da povoación!).

Mesmo recoñecendo que o dialogo entre o Governo central e a Generalitat pode non chegar a ningún acordo que convenza ás partes ou que lles resulte imposíbel de aceptar. Teñase en consideración que se parte de posturas moi afastadas. A esixencia polo independentismo do dereito á autodeterminación e da amnistía (seica hai unhas tres mil persoas imputadas polas mobilizacións a prol da independencia). E todo indica que a oferta do Governo central cinguirase a un recoñecemento da diversidade cultural e lingüística e unha revisión do sistema de financiación autonómico (que está pendente e tamén afecta ás demais nacionalidades e rexións). Resulta evidente que o Governo terá que mover ficha respecto do feito nacional. Non existe xa un recoñecemento nos estatutos das nacionalidades?

As posturas iniciais están moi afastadas, polo que non é doado buscar puntos intermedios, máxime cando a dereita torpedea o dialogo. Un paso importante sería avanzar cara un estado plurinacional e federal, con competencias blindadas e o dereito a exercer a plena soberanía cunha maioría cualificada. Cando non se poden acordar estes aspectos, que contan con respaldo social maioritario en determinadas nacionalidades, é como quen xoga ao fútbol e unha das partes define o campo, as regras de xogo e pon o árbitro, só porque é máis forte.

Te puede interesar