Opinión

O labirinto sirio

Non é moi doado entender que as maiores potencias do mundo non sexan quen de facer recuar o exército do Estado Islámico (ISIS), e que este conquiste arreo novos territorios, mesmo diante dos fociños das tropas dun país da OTAN, como é Turquía. Resulta evidente que o ISIS non ten medios para contestar os bombardeos da aviación de Estados Unidos e dos seus aliados, porén os ataques semellan totalmente ineficaces, malia que en Libia fosen decisivos, e a xeografía de ambos países sexa moi semellante. Xa Obama prognosticaba que estas accións ían levar anos para acadar resultados, polo que esperaba o que está a suceder.

Porén, non serán certas as denuncias de que o ISIS abandona as áreas bombardeadas pouco antes, levando a pensar que alguén dende dentro avísalles dos ataques? Ou é isto, ou contan con medios de detección e espionaxe tan avanzados como as maiores potencias industriais do mundo. Eu inclínome pola primeira hipótese. Ante todo, porque segundo analistas dignos de crédito este exército ten a súa columna vertebral formada por mercenarios que combateron en Libia, co apoio e asesoramento das potencias occidentais, e foron transportados con todo o seu armamento para loitar contra o Goberno sirio. 

Mais, alén de como naceu o monstro, resulta evidente que conta ademais con fortes apoios dos países limítrofes con Siria e Iraq que, por distintas razóns, queren derrocar o goberno de Assad e xa conseguiron substituír a Maliki (que acusaban de próximo a Irán). Entre estas razóns, as máis importantes son: que Siria é a única ameaza real contra o sionismo nas fronteiras de Israel (ademais de forzas como Hezbolah e Hamas); que se descubriron importantes reservas de gas na súa costa; e que polo seu territorio e o de Iraq pode pasar o petróleo de Irán, evitando Turquía e a canle de Suez. Outro aspecto que non se pode obviar é a cuestión curda, especialmente en Siria, xa que no caso iraquí o goberno autónomo está controlado por partidos submisos aos intereses occidentais, e por este motivo estáselle fornecendo armamento e asesores. 

O que está pasando na cidade de Kobani, na raia con Turquía, é un espello das contradicións e dos dobres xogos, que esta operación contra o ISIS agocha, onde o obxectivo principal non parece ser defender a poboación civil dos ataques (se cadra porque ademais de seren curdos as milicias do YPG teñen relacións co PKK turco?) O certo é, que mentres arman os curdos iraquís, que posúen petróleo que as petroleiras occidentais venden a Turquía a metade de prezo, aos sirios deixan que os esmaguen na fronteira con Turquía, cos tanques do exército turco observando impasíbeis o masacre. 

Agora ben, mesmo o que está a acontecer ficaría nun segundo plano se non fose porque os curdos en Turquía e na Europa Occidental realizaron fortes mobilizacións solidarias. Previamente varios miles intentaran penetrar en Siria para se incorporaren ás milicias do YPG, mais foille impedido polo exército, dado que o Goberno turco pechou a fronteira, convertendo Kobani nunha trampa, tanto para as milicias do YPG como para a poboación civil, máxime cando xa carecen de alimentos. Todo parece indicar que Erdogan está a forzar a situación para lexitimar unha intervención en Siria e armar a oposición “moderada” á Assad. 

En realidade, Turquía, como os Estados Unidos e as monarquías do Golfo, están xogando todas as cartas da oposición. E non son poucos os que, sobre o terreo, denuncian que o ISIS contou dende hai tempo con Turquía como zona franca para os feridos, armarse e adestrarse. Tal como se están desenvolvendo, os feitos reflicten que máis que derrotar o ISIS a cuestión é derrocar a Assad e xerar o caos (controlado) en todas as nacións da zona en beneficio de Israel, as monarquías do Golfo, o expansionismo turco, e as potencias occidentais.

Te puede interesar