Opinión

Lingua e vontade popular

Malia que hoxe a cuestión lingüística non está tan fortemente estratificada na sociedade galega como hai dúas décadas, na nosa nación o idioma aínda segue expresando unha identidade de clase. Un pode saber segundo a lingua que fala unha persoa se é un obreiro, labrego ou traballador manual de calquera outra actividade, as excepcións son un grupo cativo (anque significativo) de intelectuais e directivos que non renegan da súa orixe e empregan o galego. Pola contra, a maioría dos sectores profesionais, executivos e empresarios utilizan acotío o castelán e, como en épocas imperiais, fan no mellor dos casos do galego unha lingua secundaria de relación coas clases subordinadas. 

Esta é unha realidade que moitos queren agochar. Evidentemente ten súa orixe histórica, cando os Reis Católicos asumen polas armas a plena autoridade sobre o Reino da Galiza. A centralización do poder e unha morea de cargos que tiñan o castelán como lingua moldearon unha realidade dual, de autoridades cos que primaban intereses e lingua imperial, e un povo sometido galego falante. Esta situación de dependencia e subordinación, no plano político e lingüístico, foi mantida perante séculos, houbo unha breve abertura na 2ª República, e coa ditadura franquista a imposición do castelán fíxose política de estado. Coa transición acadáronse avances, recoñeceuse a nosa lingua, porén as funcións sociais que se lle adxudicaron ao galego e máis ao español (castelán) reproducían a dependencia política e económica,... pra alén do ritual electoral ou institucional, e isto último cada vez menos.

Non podía ser doutro xeito. Porén, gústelles ou non aos que empregan argumentos pra afirmar que non hai motivo pra manter o galego, esquecen que unha gran parte da nosa nación ten (aínda) o galego como lingua de uso cotiá, e que son moitas máis as persoas que esixen que se potencie a súa utilización, mesmo castelán falantes. Mais, esta vontade popular, non se respecta desde aqueles/as que teñen poder político ou económico, agás excepcións. E isto tamén é un síntoma grave das limitacións desta democracia cada vez menos representativa. Neste contexto, cunha hexemonía abafante do español na Galiza nos medios de información, e empresariais, ao que se suma a globalización, e cunha normativa do noso idioma que nos afasta do noso tronco natural lingüístico (o galego-luso-brasileiro) que houbera servido de abeiro e complemento, son moitas as barreiras a vencer. Daquela que o galego siga sendo un idioma de resistencia, non só pra os partidos e organizacións sociais e culturais comprometidas coa lingua, senón tamén pra xente non organizada a ningún nivel que non quere renunciar a unha parte importante da identidade. 

A lingua é un aspecto esencial que nos conforma como povo desde fai moitos séculos, ademais é a nosa contribución, xunto coa nosa cultura e historia propia, á diversidade que enriquece a humanidade. Pra manter este dereito e potenciar esta contribución loitaron as xeracións anteriores, desde o Conde de Gondomar ate o freire Martín Sarmiento, desde Rosalía de Castro a Lamas Carbajal, dende o/a emigrante na Arxentina e Cuba que fundou coros e revistas ate o escritor/ra que publicou poemas e contos na longa noite de pedra do franquismo. A nosa lingua é parte fundamental da nosa herdanza, do noso presente,... Non a botemos pola borda!!! Cómpre normalizar as relacións sociais no idiomático, facelo con argumentos, buscando a utilización e apoio de todos as clases sociais, dos nacidos nesta nosa nación e dos que viñeron de fóra a vivir nela. O idioma galego debe ser patrimonio de todos e todas os que viven na Galiza. Cómpre potencialo desde as institucións, no interior das empresas e nas relacións comerciais dentro e fóra do país. Sobre todo convencendo.

Te puede interesar