Opinión

Milei alenta a confrontación e o espectáculo

A porcentaxe de pobres na Arxentina non deixa de medrar, foi do 48% en decembro do ano pasado, do 56% en xaneiro deste ano e calculase que dun 61% en febreiro. Son datos que amosan como bule a caída do poder adquisitivo da povoación. No pasado mes de xaneiro baixaron as vendas no comercio polo miúdo un 28,5% inter-anual, e como é lóxico tamén caeu a recadación de impostos, como o IVE, e os ingresos por achegas á seguridade social. Unha desfeita. Que Milei e os seus partidarios, e por suposto os grupos económicos beneficiados, pretenden compensar cun superávit nos orzamentos, como consecuencia de que se conxelaron ou diminuíron os servizos e prestacións públicas, exercidas polo Estado ou as provincias, lembremos que se trata dunha federación. 

Dado que unha gran parte dos servizo esenciais, como educación e sanidade, son prestados polas provincias a falta de recursos pra súa xestión, xa que non foron transferidos polo Governo central, produciu un forte choque entre o presidente e os governadores, mesmo dalgúns territorios dirixidos por partidos aliados, como é o caso de Chuvut. Provincia que conseguiu o apoio do resto das da Patagonia e de moitas outras do centro e norte da Arxentina. Un conflito que amosa o irreais que son os datos positivos en materia orzamentaria que manexa Milei, aínda cos presente como os primeiros éxitos das súas “políticas libertarias”. O máis preocupante da situación é que no país cada vez se abren máis frontes de conflito, non só coa oposición peronista e da esquerda antisistema, senón mesmo con aqueles partidos máis achegados, que lle prestaron apoio. Unha dinámica que abre unha morea de incertezas respecto do futuro, mesmo daquel máis inmediato. 

Esta confrontación coas provincias é unha nova fronte que se suma á existente cos sindicatos, neste caso porque non se realizaron os aumentos salariais e das pensións vinculados ao medre da inflación, polo que hai programada unha nova folga xeral pra primeiros de marzo. Esta conflitividade, esta alimentada por Milei e membros da súa equipa de governo, especialmente polo primeiro, con todo tipo de declaracións insultantes contra aqueles que contestan as súas medidas de axuste social, limitacións democráticas. Son todo tipo de insultos e descualificación a través da rede, reflectindo neles a falta de preocupación diante do drama da pobreza extrema, da indixencia. Por exemplo, ignora os actos e manifestacións en todo o país protestando pola falta de axudas públicas pra atender as moreas de persoas que necesitan de lugares comunitarios onde poder comer, cando menos unha vez ao día. 

Segundo o economista e analista Julio Gambina: “Milei sabe que o seu éxito reside nun discurso crítico coa política tradicional e por iso insiste en que o problema é da casta” Porén pa el a casta é: “todo o que dificulta o obxectivo dunha liberalización extrema, en favor da propiedade privada e da liberdade de mercado, é dicir, dos investidores privados. Ese foi o eixo da súa campaña, do seu discurso inaugural e reiterado en cada entrevista e posibilidade de comunicación”. Unha visión tan liberal por parte de Milei que mesmo supera á que teñen moitos/as empresarios que saben do necesario que é o Estado, como elemento regulador, mesmo de quen botar mau cando a crise preme a determinados sectores ou empresas decisivas. 

Axúdalle moito a Milei que os governos anteriores, tanto o de Alberto Fernández, como especialmente de Macri, non estiveran á altura do momento, secuestrados pola especulación e o FMI. É mesmo que nestes meses xa perdeu 17 puntos, dun xeito máis acelerado que calquera outro governo, aínda conta con máis do 40% de apoios. Mesmo que esta tendencia estea consolidada e seica a caída será moi rápida... Milei, éxito e fracaso social a toda velocidade.

Te puede interesar