Opinión

Non é momento pra reforma da Lei de Saúde

Díxose por parte de representantes do Governo central, e tamén da Xunta de Galiza, que os obxectivos pra rematar coa pandemia (o de facelo co covid-19 é algo máis complexo), dependería de reducir o número de contaxios mediante as medidas preventivas esenciais (mascaras, distancia), así como vacinar cando menos un 70% da povoación antes de que finalice o vrau. A esta altura ambos obxectivos semella que están moi lonxe de conseguirse, de continuar a este ritmo, xa que a porcentaxe de persoas vacinadas está nun 5%, e a cantidade de contaxios ronda as 230 por cada cen mil persoas en dúas semanas, cando o obxectivo é de 30. Con estes dados resulta difícil de entender que se espallen mensaxes de normalidade pra celebración da Semana Santa, do Xacobeo, ou de viaxes turísticas pra maiores en setembro. 

É verdade que despois de sufrir un ano todo tipo de limitacións na forma de vida e peche de actividades, coa implicación social e económica que isto ten, tamén política, ver a luz ao final do túnel o máis próxima posíbel crea un estado de ánimo máis positivo. Agora ben, o resultado pode ser o contrario cando a realidade unha e outra vez esmaga as previsións que non pasan de ser espellismos. Como xa pasou varias veces. É este aspecto é preocupante no caso concreto da vacinación, que é fundamental pra comezar a normalizar a actividade económica e a vida social, xa que se tería que multiplicar varias veces o número de doses que se subministran á nación galega. 

Fagamos contas. Se en dous meses só se vacinou o 5% dos habitantes, sería necesario multiplicar por seis, pra atinxir o 70% a finais de xuño. Ademais, neste tema, resulta difícil de entender que haxa tanta variación na porcentaxe de persoas vacinadas dependendo da autonomía, cando as cifras deberían ser moi semellantes se existise un reparto equitativo. Cal é a razón pra que existan estas diverxencias? Por que se admite pola Xunta de Galiza este diferencial negativo pra o país? Acordáronse outros criterios que non se queren divulgar? 

No actual contexto resulta difícil de comprender que o Governo de Núñez Feijoo decidise reformar a Lei de Saúde pra introducir no fundamental medidas sancionadoras relacionadas coa pandemia, cando a súa actualización debería estar centrada en aspectos menos conxunturais, como a mellora da atención primaria, ampliar e inserir novas especialidades, todo o relativo á investigación, etc. Asemade, o lóxico sería realizar esta reforma unha vez rematada a pandemia pra recoller todas as eivas e novas necesidades, pra contar cun sistema sanitario máis eficaz diante dun novo virus, como pra responder cunha atención óptima fronte a todo tipo de enfermidades. Por algo non reformaron agora a súa outras autonomías. 

Por outra banda resulta absurdo entrar no debate de como proceder diante daquelas persoas que non se queren vacinar, cando ficamos tan lonxe de cumprir o obxectivo do 70%, e non se sabe cal é a porcentaxe de persoas que se negan e seus efectos na sociedade. Son dos que pensan que todos e todas deberiámonos vacinar, mais agora non é este o debate esencial. O importante é recibir máis vacinas, fortalecer o sistema sanitario, con medios e persoal, eliminar a xestión privada dos centros públicos... Así como aportar recursos económicos aos sectores afectados, protexer ás persoas desempregadas ou que están nos ERTEs. Estas son as prioridades.

Con esta polémica reforma non pretenderá o PP esvaer as súas responsabilidades abrindo un debate artificial? Espero que non sexa este o obxectivo da modificación. En todo caso unha Lei deste tipo, que afecta a un servizo público tan esencial como a sanidade, debería contar co máximo consenso no Parlamento. Hai temas que non son de tramite, nen de facer valer mecanicamente as maiorías. 

Te puede interesar