Benito Iglesias
Plan Director de Vivienda Social en Patrimonio Eclesiástico
Durante as últimas décadas os países de América do Sur que dan ao Pacifico, acadaron un importante desenvolvemento económico en base á súa riqueza en materias primas, e da necesidade que destas tiña a nova fábrica do mundo: China. É verdade que xa antes había países como chile que aproveitaron o salitre primeiro, e o cobre despois, para desenvolver a actividade extractiva, moi ligada ás importacións dos Estados Unidos, daquela que a nacionalización por Allende, hai agora medio século, terminase nun golpe militar e seu asasinato.
Coa globalización neoliberal, ou sexa, a produción en escala por parte das grandes corporacións, este papel de produtores primarios estendeuse a moitos países da periferia, moi ricos en minerais e recursos enerxéticos. Agora ben, esta expansión non rachou co papel subalterno que cumprían estas nacións, polo que a medida que se foi consolidando agudizou a precariedade laboral e a desigualdade social. Este é o caso de países como Chile, Colombia, e Perú nos que danse fortes mobilizacións populares que colocan en entredito tanto os governos como o propio sistema.
Sen dúbida entre todos eles Chile é o exemplo máis paradigmático, xa que durante décadas presentouse como referente do éxito das políticas neoliberais, polo crecemento da súa economía e a creación de emprego, avalando (segundo a visión do capital) a privatización de servizos públicos esenciais, como o ensino e as pensións. Todo isto estoupou polos aires no ano 2019, cando os estudantes botáronse á rúa pedindo un ensino gratuíto, dado que as familias estaban hipotecadas polos custes da súa formación, á que Piñera respondeu con medidas policiais. Unha represión que deu máis azos á protesta social que se consolidou, e obrigou ao Governo a aceptar a elección dunha Convención que redactase unha nova Constitución. Unha Convención onde as forzas de esquerda e progresista obtiveron unha maioría absoluta, e os herdeiros do pinochetismo non foron capaces de obter 1/3 dos deputados/as para bloquear as reformas.
Un proceso cunha tendencia semellante, aínda que teña unha orixe e dinámica distinta, é o que se está a desenvolver en Colombia. Un país militarizado no que a guerra contra a guerrilla xustificou todo tipo de represalias, como a eliminación física da oposición e os falsos positivos, e ignorar dereitos democráticos elementais. Nesta ocasión a muxica que fixo estoupar o polvorín, o pasado 28 de abril, foi unha reforma fiscal que esmagaba aos sectores populares. A contestación do Governo foi reprimir as manifestacións e folgas ques e sucederon con apoio da clase traballadora, povos indíxenas, asociacións pupulares, movemento estudantil (a mocidade ten moito protagonismo). Resultado: unhas 60 persoas mortas, case todas pola acción policial, e 470 desaparecidas.
A resposta popular ten tal forza que en moitas cidades asemellase a unha revolta social. Razón pola que o Presidente Iván Duque viuse obrigado a negociar cunha representación das forzas mobilizadas. Outro dato significativo é que o apoio co que conta o Presidente segundo as enquisas é só do 18%, mentres que crece o respaldo a figuras da oposición como Gustavo Petro. Un cambio en Colombia implicaría un golpe moi forte ás políticas de Washington no continente, sumándose aos triunfos antiimperialistas en México, Arxentina e Bolivia. Ademais, non se pode obviar, que a finais desta semana hai eleccións en Perú e que Pedro Castillo parte como favorito, aínda que a distancia coa dereita é pequena. Ademais Keiko Fujimori conta co respaldo do poder económico e mediático. En resumo. A pandemia acelerou procesos, agudizou as contradicións da globalización neoliberal, e non podemos esquecer que os grandes cambios sempre estouparon na periferia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último