Opinión

De novo os pensionistas como vítimas

O ridículo aumento das pensións públicas pra o vindeiro ano, de menos de 2 euros de media por mes, amosa que o Governo quere convertelas en seguros de subsistencia. Teima así na súa política de mercantilizalo todo, de empurrar os asalariados/as actuais a contratar fondos de pensións privados, se queren ter unha pensión digna cando se xubilen. Lembremos que esta actitude non é nova, que xa aconteceu nos anteriores orzamentos, e que o acceso e contía das pensións sufriron novos atrancos e retallos na última reforma, co argumento de que non serían sostíbeis dentro dalgunhas décadas, polo avellentamento da povoación. É unha política que beneficia aos bancos e aseguradoras, que son as que están detrás deste negocio.

En todo caso, non se pode ignorar que a rendibilidade dos fondos de pensións privados, e polo tanto os ingresos dos pensionistas, foron dos máis prexudicados pola crise, non así as xestoras dos mesmos que teñen unha porcentaxe garantida. Encol deste tema, dicía nun artigo en La Región de 23-11-2010: “Comparando os fundos privados e o sistema público, mentres que o primeiro non ofrece ningunha garantía, o segundo tenas todas. Un exemplo disto pode ser a súa urxente re-nacionalización na Arxentina, pra evitar que centos de miles de pensionistas perderan total ou parcialmente os ingresos de xubilación, dando o executivo progresista de Cristina Fernández marcha atrás ao proceso de privatización do neoliberal Menem. Podemos engadir que os fundos privados perderon en 2008 nos Estados Unidos un 20%, Reino Unido 37%, Canadá 27%, Estado español 9%, etc.. O maior fundo de Holanda, e terceiro do mundo, o ABP con 229 mil millóns de euros, anunciou que se ve obrigado a recortar as pensións comprometidas”.

Mais, mesmo desbotando os fondos privados como solución para os/as asalariados e autónomos, cando menos pra esa inmensa maioría que non ten nen sequera capacidade para contratar un, xa que carece de capacidade de aforro, dirase que iso non significa que o sistema actual garanta unhas pensións dignas. Mesmo algúns “especialistas” indican que a degradación é imparábel, dado que a tendencia do ratio pensionista/contribuínte ao sistema mingua cada ano. Agora ben, trátase dunha análise simplista e conveniente pra os que queren facer negocio cos fondos, porque na contía das pensións, ademais do gasto hai que ter en consideración os ingresos, e como se compoñen ambos.

En relación con estes últimos hai que lembrar que: 1) A porcentaxe de desemprego é moi alta, sendo unha prioridade rebaixala porque tería a corto prazo efecto positivo sobre os ingresos. 2) O aumento dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a facilidade dos despedimentos, as contrarreformas que degradaron a negociación colectiva diminuíron a capacidade de presión da clase traballadora, afectando negativamente os salarios, e polo tanto a contribución ao sistema. 3) Medrou o fraude nas cotizacións, tanto por contratación ilegais, como por horas traballadas polas que non se cotiza. 4) A tarifa plana nas cotizacións por facer contratacións fixas, é unha achega á patronal a conta dos ingresos do sistema. 5) Sería positivo incorporar ao sistema xeral a autónomos e empregadas/dos do fogar.

Tamén se pode axer sobre os gastos. Por exemplo diferenciando as xubilacións ligadas coas cotizacións daquelas non contributivas. Estas últimas son numericamente moi importantes e deberían ser cubertas cos impostos. A patronal utiliza este gasto a conta do sistema como un argumento máis a prol da non sustentabilidade. Todas estas son eivas que se poden solucionar sen moito problema de existir vontade política. Mais todo indica que en realidade son medidas que se tomaron conscientemente e en beneficio da patronal e altos executivos. Por ideoloxía? Polas portas xiratorias?

Te puede interesar