Opinión

Nun país ateigado de muíños

O país galego está metido, como o conxunto da Unión Europea, nun proceso de construción de centrais pra produción de enerxía alternativa (eólica, fotovoltaica,...), pechando as que teñen como base o carbón e gas, tamén as de ciclo combinado, mentres que o futuro das centrais nucleares todo indica que non está resolto. Isto ten unha enorme importancia pra valorar cal debe ser a aposta galega neste tema, xa que no ano 2022 producimos un 8,1% da enerxía do Estado español ao que exportamos un 40% -malia o peche de Meirama, e da maior parte da central de As Pontes-. E, malia que foi un ano seco, as enerxías non contaminantes representaron un 64% do total (eólico un 43,4%, ciclo combinado un 22,6%, hidráulico un 18,5%, coxeneración un 7,5%, carbón 3,8%). Ou sexa: producimos máis do que consumimos, e a maior parte da enerxía é mediante sistemas alternativos. 

Agora ben, pra alén do investimento inicial, os empregos xerados na produción de enerxía eléctrica con métodos alternativos son mínimos, e as compensacións aos concellos afectados, agás aqueles con moita extensión e muíños eólicos, e poucos habitantes, carece dun valor significativo, como pra contribuír ao desenvolvemento. O único engado de ter unha fonte de subministro achegada é cando se trata de empresas grandes consumidoras de enerxía, por exemplo na produción de aluminio. Sen dúbida este atractivo sería maior se o prezo da electricidade fose o real, ou sexa, se tivese en conta a distancia entre o centro de produción e consumo xa que, ademais do custe e mantemento da rede eléctrica existe unha caída de potencia, unha perda de quilovatios polos que non se cobra. En poucas palabras: o prezo real non é igual onde se produce que a 500 ou 1.000 quilómetros. 

Outra eiva que se debe ter en consideración respecto da produción de enerxía en base á auga, vento e sol, é que depende do clima, mentres que o consumo, tanto das familias como das empresas e servizos públicos, non pode estar condicionado deste modo, tanto porque poden ser necesarios en calquera momento, como porque teñen as súas propias dinámicas. O almacenamento deste tipo de enerxía é sen dúbida o maior reto cara o futuro. Non se trata polo tanto só de multiplicar a produción eólica e fotovoltaica, aínda que unha boa parte deste aumento teña como finalidade elaborar hidroxeno verde para substituír o gas e gasóleo nas empresas (camións?...) senón de ter en consideración os perigos de multiplicar, por especulación, a produción moi por riba do consumo, máxime cando ten custes ambientais, e a fabricación de eólicas e fotovoltaicas está asociada a unha alta contaminación. Polo que son lóxicas as preocupacións dunha parte da sociedade, tamén dos concellos máis afectados. Ademais, aínda que se fala moito do tema, segue faltando o esencial, saber: como, cando, pra que, onde... tanto por parte do Governo central, e tamén da Xunta, teñen que socializar o tema e marcar con claridade os obxectivos socio-económicos.

Galiza é exportadora de enerxía, e esa potencialidade non se converteu nun valor extra pra o desenvolvemento industrial, e cada día son máis as empresas de enclave e o capital que marcha pra o exterior xa é unha norma. A cuestión polo tanto é se este inmenso investimento en produción de enerxía eléctrica, pra alén do tempo da construción dos muíños tamén contempla como parte fundamental do proxecto políticas activas pra instalación de empresas noutros sectores. Sei que hai varias que xa manifestaron a súa intención de abrir centros produtivos. Porén coas excepcións non se se constrúen cambios de profundidade, estratéxicos. Se realmente hai, pra alén de instalar moitos muíños, un proxecto de país, que remate coa caída demográfica, a precariedade e este rol dependente, sería bo que todos e todas o coñeceremos.  

Te puede interesar