Opinión

Patente de corso e as feridas abertas

O governo israelí pretende vender o relato de que os bombardeos á Franxa de Gaza foron a resposta necesaria contra unha agresión que se caracteriza como carente de motivos, e con centos de foguetes lanzados por parte de Hamas e outros grupos islámicos radicais contra territorio israelí. Quere deste xeito xustificar a utilización de todo o poder militar como unha actitude defensiva, e que non tería outro obxectivo que a defensiva e a de impoñer a paz na zona.

Este relato do Executivo israelí conta coa complicidade dos Estados Unidos (USA) e outras potencias occidentais, e obvia que a resposta de Hamas viña precedida da expulsión nas últimas semanas de varias familias palestinas en Xerusalén, no que é unha planificada e sistemática limpeza étnica e relixiosa que dura décadas. Tamén ignora que días antes as forzas policiais de Israel impediron con medidas restritivas que os musulmáns orasen na mesquita de Al Aksa en plena festividade do Ramadan, o mes santo musulmán. Neste contexto foi que Hamas deu dez días pra que o governo de Netanyahu dera un paso atrás nas medidas represivas e discriminatorias contra os palestinos, proposta que o Governo israelí nen sequera tivo en consideración.

Antes desta confrontación os medios de comunicación daban por seguro que Netanyahu ía ser substituído como primeiro ministro, por mor dun acordo entre o centrista Yair Lapid (Yesh Atid) e Naftali Bennett da dereita (Yamina), que contaba cun 47% de respaldo, segundo as enquisas. Agora ben esta coalición necesitaba do apoio dos partidos arabés pra saír adiante, algo que non era doado, e que o conflito actual fixo voar polo aire. E que resultara máis difícil de recompoñer, malia o alto o fogo despois de 11 días de enfrontamentos armados, máxime cando a confrontación estendeuse ás zonas de Israel de povoación mista árabe-israelí.

Lembremos que Natanyahu foi xulgado por corrupción, mais até que o xuíz dite unha sentenza, que o ache culpábel, pode seguir no cargo de primeiro ministro. Ademais, todo o proceso xudicial, incluíndo os posíbeis recursos, poderían alongarse por anos. Ningún outro cargo con semellante grao de protección. Esta sería a razón pola que Netanyahu quérese manter como xefe do governo, e explicaría a o medra da tensión coa comunidade palestina. Unhas provocacións que Hamas non foi quen de canear, ou considerou útil ou inevitábel a guerra. Pra alén das hipóteses, de porque se alimentou o lume, o certo é que as consecuencias humanas e políticas son terríbeis e moi negativas.

Segundo os datos até o alto o fogo houbo 12 vítimas en Israel, 2 delas menores. Mentres que na Franxa de Gaza hai que sumar 230 persoas mortas, das que 65 menores, así como 1.900 feridas. Ao que hai que engadir a destrución masiva de edificios de vivendas e todo tipo de infraestruturas, entre as cales danos en 18 hospitais. Semella que ademais da mortalidade buscase a emigración forzada de residentes.

Foi unha confrontación armada entre forzas moi desiguais nas súas capacidades ofensivas e, por se non abondase, Washington anunciou que enviaría máis equipo militar. O que deixa en evidencia que Israel ten patente de corso, que conta co apoio tanto dos republicanos como dos demócratas de USA, e que a UE comportase neste temas como un protectorado de Washington. Pola súa banda as Nacións Unidas e outros organismos internacionais están secuestrados cando as resolucións afectan intereses do imperialismo hexemónico. A presión pra que rematasen os bombardeos e se acordase un alto ao fogo debese en gran medida á magnitude da oposición social e política internacional, máis que a unha postura de principios de Biden. Aínda así é un paso positivo, outra cuestión é que chegue pra pechar as novas feridas abertas... Un sistema inxusto e senil.

Te puede interesar