Opinión

Perú, a viraxe necesaria

Se a tendencia se mantén, só Colombia e Ecuador entre os países máis fortes ficarían como reserva das políticas da dereita neoliberal e seguindo ao pé da letra as directrices da gran potencia hexemónica do norte: os Estados Unidos. Neste contexto, e dado os grandes intereses económicos que a UE ten nesta rexión, con seguridade Bruxelas, e moi especialmente o Estado español, Portugal, Italia, Francia e Alemaña, alentarán o dialogo, aceptarán algunhas concesións, intentando evitar que actitudes inflexíbeis leven a que se repita o escenario de Venezuela.

Sen dúbida o governo de Pedro Castillo prometeu transformacións que non son doadas de realizar, xa que por unha banda conta co apoio dunha fragmentada representación de forzas de esquerda e progresistas, co que iso implica pra manter a unidade interna. Ademais gañou as eleccións por unha estreita marxe, ten en contra aos grandes grupos empresariais e os medios de comunicación cunha importante predica na sociedade; ao se debe sumar as agresivas políticas de intervención dos Estados Unidos nun área que considera “baixo a súa protección” (ou sexa: control). Concretamente exíxelle a Castillo que manteña o “grupo de Lima” contra Caracas. A resposta foi aos poucos días definindo a Venezuela como un país bloqueado. Mais, evitará a confrontación con Washington, máxime cando o fujimorismo peta nas portas do exército pedindo un golpe de estado.

A Castillo se lle considera unha persoa de conviccións firmes e moi comprometido coa defensa da soberanía do país e dos intereses dos sectores máis excluídos. Daquela que acadase seus mellores resultados nas zonas rurais e nas provincias da serra peruana, áreas nas que a pobreza atinxe á metade da povoación. Entre as prioridades que marcou na súa campaña electoral están: investimento no sistema educativo e excluír o analfabetismo; convocar unha Asemblea Constituínte que remate cunha Carta Magna aprobada en 1993 por Fujimori; regular os medios de información; nacionalizar a minería, gas e petróleo, que son a fonte máis importante de recursos da exportación...

Trátase polo tanto dun programa que afecta a unha burguesía moi poderosa e concentrada, aliada tradicional dos Estados Unidos, que contrasta cunha clase traballadora moi precarizada, xa que só un 14% conta con contrato e o 53% faino por conta propia. Os/as empresarios só representan o 1,5% da povoación activa. O novo governo peruano non o ten doado, se resiste e fai cambios que se noten nas condicións de vida das clases populares, os posíbeis xiros á esquerda en Chile e Brasil axudaranlle moito no futuro.

Un último comentario, respecto da ligazón histórica entre Galiza e Perú. Houbo galegos que tiveron un papel salientábel na loita a prol da independencia, como Juan Pardo de Cela. Mais, quería destacar dous feitos máis recentes. O primeiro, é Alfonso Graña, de Avión, que emigrou a finais do século XIX a Iquitos pra recoller caucho e rematou como Rei de cinco mil indíxenas da tribo dos xíbaros. O segundo, a participación de centos de familias da bisbarra de Malpica que emigraron na década dos sesenta do século pasado sobre todo a Chimbote pra se adicar á pesca. Malia as diferenzas, que as hai entre ambos países, existen relacións a termos en conta pra alén do comercio globalizado e da inmigración de peruanos á Galiza...

Te puede interesar