Opinión

As rectificacións 
de Podemos

Non é común que se constitúa un partido, que elixa a súa dirección, e non teña claramente definidos o programa, a folla de ruta e política de alianzas. É aínda moito menos común, que en menos de seis meses rectifique o programa económico elaborado pras europeas, máxime cando no seu día, presentouno como a proposta superadora da crise e protectora dos intereses da maioría social. Tampouco parece lóxico que fixese bandeira da democracia interna, criticando os partidos existentes, e cando agora elixe os seus órganos de dirección, exclúa as alternativas minoritarias. Asemade, non é moi representativo que a lista sexa fabricada na súa totalidade pola cúpula, primando o núcleo de profesores universitarios e madrileño. Un xeito de axer que resta credibilidade ás declaracións a prol do carácter plurinacional do Estado. 

Podemos é unha forza que hoxe está no centro do debate como alternativa á globalización neoliberal e aos “partidos da casta”, algo que é positivo. Porén non tardou moito en reproducir o que pouco antes consideraba como algúns dos vicios máis noxentos da vella etapa. Non o debían ser tanto, cando terminou copiando o modelo. Aínda que puido optar por unha estrutura máis democrática. Por exemplo, o BNG tivo dende o seu nacemento unha dirección que integra todas as sensibilidades internas, a menos que se autoexclúan ou carezan dunha mínima incidencia na militancia. Beiras marchou, non porque non tivese representación na dirección, senón porque non foi escollido na Asemblea de Amio como portavoz da organización. 

Cando valorei as eleccións europeas, considerei que o nacemento de Podemos viraba á esquerda o panorama político do Estado, e malia as eivas ás que facía mención, o certo é que axudou a centrar o debate sobre algunhas das manifestacións máis noxentas do sistema, tanto no aspecto social como democrático. Ademais, ofrecía solucións sen necesidade de cambios traumáticos, e dándolle á loita social un papel subordinado ao institucional. O problema é, se as medidas que propón son posíbeis sen un cambio radical na correlación de forzas pra alén do institucional, e sen mudar as ataduras co bloque imperialista (o que implica a aceptación dun modelo de sociedade)? Ou sexa ¿como se pode potenciar a banca pública, obrigar a oligarquía a pagar impostos xustos, e nacionalizar sectores estratéxicos, sen saír do euro e da Unión Europea, e sen renunciar aos tratados de libre comercio? A tendencia actual, en todos os países da UE, mesmo en Dinamarca e Suecia, por máis que partan dun sector público forte, é a de potenciar o negocio privado, as grandes empresas e fortunas. 

Agora ben, pra os galegos e galegas, non abondaría con democratizar o Estado, dignificar o traballo e estender as prestacións e servizos sociais, mesmo sendo avances esenciais, se non muda o papel que Galiza ten atribuído no contexto do Estado español. Non fai falla ter moitos coñecementos económicos pra albiscar que o axuste económico e social actual non só se fai a costa da clase traballadora senón tamén dos países dependentes e dos territorios máis débiles. Por esta razón Galiza perdeu ou reduciu os seus sectores estratéxicos, boa parte das súas empresas caeron en mans foráneas, e como consecuencia de todo isto, deveceu o emprego e a povoación. E isto non vai mudar co fin da crise, senón que mesmo se vai consolidar, tal como amosa a tendencia actual. Polo tanto, cómpren partidos e organizacións sociais que defendan os nosos intereses como povo, dende os culturais e lingüísticos ate os económicos e sociais. 

Resulta evidente que ninguén con falta de sensibilidade social, e coa cabeza fóra do país, vai solucionar esta situación do povo galego. Isto nunca aconteceu ao longo da historia, nen eiquí nen noutros países.

Te puede interesar