Opinión

Traballando polo pan

Abraia que o recuar dos dereitos laborais sexa ollado dende moitos sectores con peso económico e político como algo natural, como unha necesidade para saír da crise e xerar emprego, e que esta postura tan regresiva se vaia instalando en amplas capas sociais. Un exemplo é o xeito de tratar en moitos medios de información o incumprimento da lexislación laboral, dos convenios colectivos, e a fraude impositiva empresarial. Concretamente, isto é o que se reflicte en relación coas horas extras, cando se destaca en titulares que “o 60% dos empregados/as investigados traballan horas irregulares”. Cómpre ir á letra pequena da información para atopar a verdade: que dos 43.400 empregados/as observados 27.000 víronse obrigados a facer horas cobrando menos, e polas que os empresarios non cotizaron. Segundo a información o número de traballadores/as, que nos 11 meses deste ano, realizaron horas extras en situación irregular subiu un 264% con respecto ao mesmo período do ano 2013. 

O número de horas extras que se realizan son moitas máis que as que se declaran. Nunha gran parte das empresas, os empregados/as fan 9 ou 10 horas ao día. É algo que todo o mundo sabe, que a inspección non sanciona e que a administración non evita. Este desleixo axuda a degradar as condicións laborais, e converte en moitas empresas a lexislación e os convenios colectivos en papel mollado. É un cancro que vai comendo as conquistas laborais conseguidas durante décadas de loita e sacrificio da clase obreira. Só nas grandes e medianas empresas, onde existe unha forte presenza sindical, hai algunha garantía de que se cumpren as normas laborais, que, por outra banda, son inferiores ás de hai unha década e máis beneficiosas para os empresarios/as. 

Resulta evidente que ningún traballador/ra fai por deporte ou gratitude horas extras a cambio dun salario máis baixo e polas que non se cotizan seguros sociais. O que forza á aceptación dunhas condicións laborais indignas é a necesidade imperiosa de maiores ingresos, e o medo ao despedimento ou á non renovación do contrato temporal. Polo tanto non se trata só dunha cuestión de fraude empresarial á Seguridade Social, e de competencia desleal con aqueles empresarios que si cumpren coa lei, senón que fundamentalmente se utiliza a situación de dominio e as dificultades da povoación máis vulnerábel para obter unha maior taxa de lucro a costa da sobreexplotación do traballo asalariado. 

O deixar facer do Governo central (porque isto é o que acontece malia as notas de prensa e os golpes de peito), tradúcese nun aumento constante da concentración e centralización da riqueza (e do poder), ou sexa da desigualdade entre clases sociais e territorios (o decrecemento demográfico e uns salarios por debaixo da media na Galiza son un exemplo en carne propia de todo isto). As sancións máximas que se impoñen son de 6.251 euros, segundo a información publicada, polo que é un risco que resulta rendíbel para moitos empresarios/as. 

Xa se sabe que a defraudación e o roubo de “luva branca” teñen unhas condenas mínimas, amosando unha xustiza que trata dun xeito moi distinto aos pobres e aos ricos, contribuíndo a un contexto que alenta a inxustiza. Sen dúbida estes son aspectos que deberían ser reformados con urxencia, xa que son vitais pra avanzar cara unha sociedade democrática. Non semella que vaia ser deste xeito, tendo en consideración que o Partido Popular, aproveitando a súa maioría parlamentar, quere impor a “Lei Mordaza”. Esta reforma da Lei de Seguridade Cidadá endurece as penas contra a protesta sindical e social, e coloca baixo sospeita todos/as aqueles que non se axeonllen diante dos donos do poder e do diñeiro. A democracia só será posíbel co povo mobilizado, organizado, como protagonista. Senón terminarase traballando polo pan.

Te puede interesar