Opinión

Traxedia no Donbass

Mentres o mundo ollaba abraiado o masacre contra a povoación de Gaza, que Israel realizou impunemente e grazas ao fornecemento de material militar e apoio técnico dos Estados Unidos, ficaban en segundo plano outras zonas de conflito nas que as potencias están a xogar as súas cartas. Entres estas áreas están algunhas moi próximas a Europa, e o número de vidas perdidas e a destrución de vivendas e infraestruturas é mesmo superior á de Palestina, como son Ucraína, Siria e Iraq. No caso de Libia, a confrontación entre grupos islamitas, e a inxerencia da OTAN e das monarquías reaccionarias do Golfo, ademais de esnaquizar o país, causan a desestabilización de todo o norte de África. Tamén alentaron e abriron camiño á enxurrada inmigratoria cara Europa. 

Sen dúbida a situación na Palestina é dramática, cébase na povoación civil e chove sobre mollado. Asemade, neste caso resulta evidente, máis que en ningún outro, a dobre vara de medir dos países occidentais. Xa que, malia os numerosos acordos da ONU e as promesas e palabras de condena, non hai sancións contra Israel, e tanto os Estados Unidos como á maioría dos seus aliados da OTAN seguen apoiando o Estado hebreo, permitindo a destrución e/ou ocupación do territorio.

Pola contra, cando se trata de potencias rivais ou países que defenden a súa soberanía, as sancións tómanse con toda rapidez, mesmo utilizando hipóteses non probadas. Un exemplo disto son as sancións contra Rusia, malia non intervir directamente no conflito da Ucraína (non máis que os países da OTAN) e pedir unha e outra vez unha saída pacífica. Pra dar cobertura ás últimas sancións, mesmo se lle endosa a responsabilidade do ataque contra un avión civil sobre o Donbass. Neste caso, Putin pedía responsabelmente, malia non ser un anxo, que unha comisión técnica dirimira o sucedido. As tropas de Kiev fixeron todo por controlar a zona do accidente, pondo en perigo as pescudas (por algo sería). 

O exército ruso dirixiu dez preguntas ao Governo ucraíno sobre a súa relación co ataque, como a de ter avións de caza e lanzadeiras anti-aéreas na zona, malia que os rebeldes non teñen aviación... Mais, como era de esperar, unha vez forzadas e “xustificadas” as novas sancións pra sumar a UE, o tema pasou a un segundo plano. Ou sexa, a mesma actuación que cando se acusou Iraq de ter armas químicas, Siria de usalas contra un barrio de Damasco, Gadafi de bombardear á povoación, e tantas outras mentiras que serven decote pra enmascarar a rapina económica e as políticas militaristas da OTAN. Co agravante de que neste caso é cunha potencia nuclear, e unha das maiores economías.

Na Ucraína hai moito xogo suxo. É verdade que tamén intereses xeo-estratéxicos de Rusia. Mais isto é antigo. O novo é que a OTAN quere acantoar a segunda potencia nuclear, pra debilitar os BRICS e cercar China. Tamén hai intereses de menor percorrido, porén importantes pra os seus beneficiarios, como son a explotación dos xacementos de gas de xisto do Donbass, e o negocio da guerra por parte dos oligarcas ucraínos. Que os USA xogan á guerra é evidente, porque ademais de desgastar a Rusia, aumentan a subordinación da UE, o seu principal socio na globalización neoliberal (o imperialismo), desestabilizando as súas fronteiras e afectando a súa economía. Por esta razón forzan o Governo de Kiev a continuar a guerra, xa que os fondos prometidos polo FMI están condicionados ao control efectivo de todo o país. 

As consecuencias de todo isto: un millón de habitantes do Donbass refuxiadas en Rusia, 10.900 mortos (segundo as estimacións de hai 15 días), e cidades enteiras destruídas.

Te puede interesar