Opinión

Grândola vila morena

Foi un 26 de abril cando Luis Álvarez Pousa e mais eu cruzámo-la raia de Tui, fai corenta anos. Os gardiñas dixéronos: "Vostedes a onde van?" E respostámoslles: "A nos sumar á Revolución dos Caraveles".

Portugal era unha festa. Chegamos a Viana do Castelo antes do mediodía. Fumos dereito ao cuartel, e elí falamos co tenente-coronel que estaba á fronte do destacamento. E perguntámoslle: "Vostede sumouse á Revolución?" Íl díxonos que estaba na súa casa e que o chamaron os capitáns pra lle dicir que se se sumaba á revolta. Íl respostoulle que sí.

Nas rúas de Viana do Castelo foi onde escoitamos por primeira vez a "Grândola Vila Morena / o pobo e quen máis ordena...", do cantautor José Afonso, e que fora a consigna que en Rádio Renascença ás doce da noite amanecendo o 25 de abril, pra derrocar a dictadura salazarista.

No Porto fumos, por indicación miña, ao Hotel Infante de Sagres, xa que logo era o millor hotel, e alí díxenlle a Pousa, estaríamos máis seguros. Mais ao aparcar diante da porta de entrada eu baixeme pra pedir habitación. O recepcionista díxome que o hotel estaba baleiro. Mais ao sair, unha multitude de uns douscentos cidadáns berraba "Morte ao PIDE" (que era a policía secreta da ditadura, unha policía temible), e que a min confundíronme co PIDE que entrou no hotel canda min, e que xa viña perseguido pola multitude por varias rúas do Porto.

Salvei o pelexo ao lle ensinar ao capitán dun fato de soldadiños a miña credencial como xornalista. E subíuse á cima do coche e díxolle á xente: "O señor non é o PIDE, é o xornalista español. O PIDE está no hotel e ímolo deter". E esí fixeron, mais sacárono por unha porta lateral pra que o xentío non o poidera linchar.

Nos cañós dos soldados a xente puxéralle caraveles roxos ou brancos. Fumos con Vial e Moutinho -un poeta portugués- a cear á beira do río Douro, onde xa a xente falaba en alto. E brindamos co bo viño que se almacena en Vilanova de Gaia, un concello fronte ao Porto.

A mañán seguinte fumos á sede da PIDE, onde ás portas estaban xentes que lle pedían aos soldadiños que lles entregaran os seus familiares elí detidos. Mais dentro do edificio xa non había ningún preso, xa que logo, un túnel comunicaba cun cemiterio, onde os enterraban, logo de torturalos e matalos. E vimos a sala de torturas e a habitación donde controlaba a PIDE as chamadas telefónicas de quenes o salazarismo tiñan vixiadas. E fotografiámonos cos soldados no patio daquela cárcere moi céntrica da máis importante cidade do norte portugués.

Pola televisión do hotel ollamos como saían libres os presos da cárcere de Caxías, na Lisboa "antigua e señorial". As xentes andaban celebrando a caída da terribel dictadura salazarista. E ollaban cara a cidadanía por si coñecían a algún despreciabel policía político, os PIDE.

Foron unhas datas lediciosas, que cando voltamos xantamos en Viana do Castelo bacallao e viño verde portugués. "Grândola Vila Morena/ terra da fraternidade./ O povo e quen máis ordena...

Te puede interesar