Opinión

San pedro de moreiras

Calquera tempo é bo pro no vran, pertiño da capital ourensá está San Pedro de Moreiras (Toén). Hai que se achegar logo de cruzar a rúa de Marcelo Macías, a Valenzá e As Lamas. Xa na parroquia están As Aioras, onde hai o Pazo da Pedriña, e unha grande casona que foi refuxio dos carlistas na primeira guerra civil, que defendían os dereitos lexítimos de don Carlos VII.

E xa dende a curva de Outeirodoso óllanse as torres, que no alto do pobo presiden esta aldeia, a meirande de toda a provincia ourensá. Moreiras ten a torre dos Puga, que segundo os historiadores foron os que fundaron iste fermoso pobo de bocarribeira, e que leva o nome dun veciño -Gustavo Rego Nieto- que levou ao Circo Feijóo a moitos dos habitantes, xa denantes da nosa fogueira de 1936 e posteriormente a ela. E que gañaban os cartiños que traían prás súas casas, asemade do que ían recollendo coas cartillas do racionamento polos pobos das Españas, un ano tras outro. Mentres as súas donas traballaban a cotío no centeo, no millo, nas patacas e no bo viño que hoxe Pepe Carballo e Milagros Iglesias embotellan -branco e tinto- que é unha ledicia bebelo: viño do val do Miño.

Lamas Carvajal fixera aquelas poesías que inda lembran novos e vellos da miña aldeia benquerida: "Perto do Castro de Trelle/ unha florida ribeira/ onde toda clas de plantas e alboriños vexetan/ érguense as humildes chouzas/ de San Pedro de Moreiras".

Hoxe Moreiras estendeuse cara o alto e tamén saída pra Toén en urbanizacións fermosas e ben feitas por quenes son emprendedores serios e responsabeis. Moreiras foi sempre un pobo de xentes cosmopolitas. De músicos a reo, que tivo unha banda de música que no ano 1913 acadou o primeiro premio nun concurso celebrado na Praza Maior de Ourense capital. Ten rondalla e coro que dirixe con acerto o Tino. Ten Casa da Cultura que garda unha biblioteca pra que os estudosos arquiven na memoria do seu maxín os saberes.

Moreiras ten forno, o dos Sabucedo, que fan unha bica lediciosa, ten bós bares onde mollar o gañote e tamén un supermercado con pescadería. Ten canellas cheas de segredos dos noivos, ten un fermoso cruceiro cunha fonte e a rúa Real que cruza o pobo dende a Praza Maior ata a costa da Seara, onde hai casas de quenes foron mestres moitos anos, un veciño dos últimos de Filipinas, "O tío tenente", que nunha foto coa súa dona persumía decíndolle aos visitantes: "Eí está o Emperador coa Emperatriz". E fronte por fronte a pequeniña casa de don Evaristo Bahamonde, que fora párroco do Carballiño e que empeñou os seus aforros pra que se levantara a Veracruz do arquitecto Palacios.

E xa no utro, a "catedral" barroca que atesoura un altar oxival do século XIV e que o grande sacristán, o Pepe zapateiro, decíalle aos visitantes, que sempre foron moitos, que era do século XIV "antes de Jesucristo", e quedábase tan pancho. A dereita, un altar popular co San Blas, que tantas gorxas leva curado, pois é un santo moi abogoso. E xa no centro do grandioso templo, o altar barroco ao que non lle falta ningunha imaxe.

Paga a pena ir a Moreiras de Toén, falar coas súas xentes ilustradas, escoitar aos merliños e probar un bo viño do Pepe Carballo e da Milagros Iglesias. E visitar a Casa do Peso e probar o xamón -non de granxa- e parolar, parolar ata se fartar.

Terra terriña miña/ terra dos meus devanceiros/. Terra onde eu nacín/ Terra de San Pedro de Moreiras.

Te puede interesar