Opinión

Vicente Ferrer

‘En el mundo existen el equipo A y el equipo B. El equipo A son los gobiernos, los que poseen la tierra y el dinero que hay en ella; han de velar por el bienestar de todos los que forman el equipo B. El equipo B son todos los que están bajo el poder del equipo A, los soldados, las ongs, los pobres. Mientras el equipo A no cuide del B, siempre habrá pobres’. (Vicente Ferrer).


L embro que coñecín o alcance do traballo que Vicente Ferrer estaba desenvolvendo na India a través dunha entrevista que lle fixeran nunha emisora de radio hai xa algúns anos. Non lembro nen a emisora nen a persoa que lle facía a entrevista. O que si lembro, e que quedou fixado na miña mente como unha pegada indeleble; foron tres cousas, probablemente polo que significan: A primeira é unha anécdota dunha viaxe súa onde a chave do hotel era unha tarxeta destas electrónicas. Foi ao seu cuarto e non lle funcionaba. Enfadouse e cando chamou para que lle axudasen resultou que a estaba poñendo ao revés. Isto empregouno para explicar que nos podemos laiar moito do mal que está o mundo pero que, tal vez, hai algo que nós mesmos estamos facendo mal e que podemos cambiar. O segundo, foi cando o xornalista lle pre guntou: ‘¿Por que deixou vostede de ser xesuíta?’, con toda humildade e sen dar sensación de mala educación para a oínte, contestou ‘porque me deu a gana’. E a terceira, é cando relatou a última teoría na que estaba traballando: O seu nome era ‘Chamas vivas’. ‘Vós sodes chamas vivas. Todos temos lume no noso corazón, e esas chamas iluminan aos demais. As vosas accións diarias teñen que iluminar ao resto de persoas’. Pensei nisto cando me enterei da súa morte. Pensei na súa capacidade para dicir grandes cousas con palabras sinxelas. Pensei en que a súa valentía á hora de dicir verdades que pouca xente se atreve a dicir nace dende a lexitimidade que che dá o exemplo. Pensei no mozo revolucionario do Partido Obreiro de Unificación Marxista que aos dezaseis anos formou parte da ‘Quinta do biberón’ na Guerra Civil; pensei no mozo internado nun campo de concentración; pensei no misioneiro da Compañía de Xesús que un día chegou á India pero que soubo saír da sacristía para estar coa xente, escoitala e buscar solucións aos seus problemas, ‘non me gustan as distancias’, dicía; pensei naqueles 30.000 campesiños que percorreron 250 quilómetros para defendelo cando as autoridades indias o expulsaran do país; pensei nos hospitais, escolas, casas, pozos, camiños, etcétera que ergueu co seu tesón, nos 1.900 pobos e nos dous millóns de persoas que se benefician dos seus proxectos (a súa fundación constrúe entre 3.500 e 5.000 vivendas e 1.300 escolas anuais); pensei na súa mensaxe e as súas ensinanzas; pensei no home que entendeu a ‘Mensaxe’ e a practicou, aínda que isto lle custase ás veces non ser entendido polas xerarquías tanto laicas como eclesiásticas; pero por riba de todo, pensei no concepto de solidariedade e cooperación que nos transmitiu, centrado na transformación, na xustiza social sen paternalismos onde os propios beneficiarios dos proxectos participan da xestión dos mesmos, onde se vai á raíz dos problemas para que se produza unha verdadeira transformación social.


Dicía Bertolt Brecht que ‘hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Hainos que loitan moitos anos e son moi bos. Pero os que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles’. Vicente Ferrer loitou cada día da súa vida por conseguir espallar o ben e contra a discriminación, o sufrimento e a pobreza, tanto con feitos como con palabras. Home profundamente relixioso, defendeu sempre as persoas por riba de crenzas e razas. Acaso non é isto suficiente mérito para subir aos ‘altares’ en Estocolmo e en Roma? O tempo dirá.


Para rematar, unha cariñosa despedida a este home bo, polo que fixo e por como o fixo. Os meus respetos e a miña admiración. Grazas, polo seu exemplo.



Te puede interesar