Opinión

80.000 lectores de ouro

Oitenta mil corazóns latexan á vez ante as mesmas palabras. 80.000 persoas deciden ler o mesmo xornal que como paxaro de ás de papel vai en busca da nosa xente de ouro. Os profundos analizan cada párrafo e agradecen que alimentemos a súa sensibilidade e rigor. Os traballadores, que sexamos reflexo da súa situación verdadeira e que valoremos os seus esforzos e adicación. Os mozos queren verse retratados cando o seu labor, deporte ou inquedanza ten un oco na actualidade. As nais e pais gardan para sempre a foto no que aquel fotógrafo captou ó seu pequerrecho no entroido, mentres xogaba no parque ou cando quería atrapar a súa sombra. Os maiores seguen confiando no xornal de toda a vida, no que xa saben onde se atopa cada sección. Os amigos do humor son fieis ás viñetas enxebres e políticas que, á vez que analizan e denuncian, póñense na pel dos nosos.

Deses nosos 80.000 cómplices que disfrutan lendo a nosa maneira de facer xornalismo: crónica, opinión ou literatura. Son as 80.000 trabes de madeira nobre que suxeitan este barco de ilusións e que iza versos soltos, igual que bandeiras, mentres comparte historias descubertas nas súas viaxes. Travesías reais ou fantásticas, pola política, a economía, o emprendemento, as empresas, a educación, a sanidade, os nenos, mozos e vellos… 80.000 pareceres que se respectan nas necesarias diferenzas. 80.000 homes e mulleres que sempre agradecen (e así nolo fan saber coa súa cálida amabilidade)que lles iluminemos o día cunha análise sensata, unha dedicatoria, un titular, unhas palabras con esa luz interior a que eles saberán corresponder como sabios lectores deste noso Ourense de ouro.

Te puede interesar